Skip to main content

A USC participa nun estudo sobre terminoloxía e clasificación de pastos existentes en Europa, encargado polo Eurostat

A profesora Rosa Mosquera, nun invernadoiro do campus de Lugo
A profesora Rosa Mosquera, nun invernadoiro do campus de Lugo
A directora do Departamento de Produción Vexetal da USC, Rosa Mosquera, é coautora deste documento de traballo, elaborado por 22 investigadores de 13 países europeos

A directora do Departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela e profesora na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, María Rosa Mosquera Losada, é coautora dun estudo sobre terminoloxía e clasificación de pastos en Europa, requerido pola Axencia de Estatística Europea (Eurostat) e que se desenvolve baixo o título ‘Definicións e clasificación da terminoloxía relativa a pastos’.

Este documento sobre terminoloxía e clasificación de pastos, é o resultado dos estudos e a das achegas realizadas por un total de 22 investigadores, entre os que tamén figura outra española, a doutora Rosa María Canals, da Universidade de Navarra. Neste traballo colectivo participan un total de 13 países europeos, que representan a maior parte da tipoloxía de pastos existentes no continente europeo. Asemade, esta nova publicación tamén é un dos froitos xa deparados polo grupo de traballo ‘Terminoloxía e clasificación de pastos’, creado no ano 2012 co obxecto de asesorar a Comisión Europea para mellorar a clasificación das terras destinadas a pastos desde unha perspectiva sostible, relata Mosquera. O obxecto desta nova clasificación de pastos europeos é mellorar a recollida de datos e organizar os xa existentes na actualidade, en aras a incrementar a consideración da importancia e da diversidade dos pastos nas estatísticas agrícolas da Unión Europea, relata Mosquera Losada. O sistema de clasificación elaborado neste novo documento de traballo é simple e ao mesmo tempo capaz de recoller algúns indicadores agro-ambientais en sistemas baseados en pastos. Entre outros aspectos, destaca a proposta da introdución de denominacións de comunidades como os pastos seminaturais para a súa categorización nas estatísticas europeas, sinala a directora do Departamento de Produción Vexetal da USC. Rosa Mosquera engade neste senso que, a pesares da súa importancia na conservación da biodiversidade e na produción animal con base en pastos en Europa, esta categoría non foi considerada ate de agora a escala europea. As estatísticas relativas aos pastos seminaturais considéranse importantes indicadores de biodiversidade, subliña a profesora Rosa Mosquera, ao tempo que lembra que o citado documento ‘ Definicións e clasificación da terminoloxía relativa a pastos’, que xa foi traducido a 7 idiomas da Unión Europea, axudará ao entendemento das estatísticas entre diferentes países. De feito, este estudo inclúe un glosario no que se definen os termos utilizados. Pastos e produción de leite Os sistemas de produción de leite con base en pradeiras mixtas que inclúen leguminosas son considerados a mellor opción dende unha perspectiva da produción e de obtención de leite de calidade, ademais de favorecer a xestión sostible do territorio, xa que o pastoreo vinculase claramente coa conservación da biodiversidade, sinala a profesora Rosa Mosquera. A directora do Departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela, que en 1992 desenvolveu a súa tese de doutoramento sobre produción de leite en base a pastos, defende que a presenza de leguminosas no pasto proporciona unha mellora clara da súa calidade, o que repercute ademais nunha menor necesidade do emprego de fertilizantes e concentrados, que cada día incrementan máis os seus prezos e, en consecuencia, os custes de produción. Mosquera Losada é tamén autora, entre outros moitos estudos e publicacións de carácter científico, do libro ‘Ecoloxía e Manexo de Pradeiras’, editado polo Ministerio de Agricultura. Ademais, esta profesora na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo , participa tamén en grupos de traballo da European Grassland Federation, como é o centrado en sistemas de produción leiteira, dunha gran importancia dende unha perspectiva produtiva e de conservación da biodiversidade a escala global.

The contents of this page were updated on 11.21.2013.