Skip to main content

O proxecto Novedar_Consolider liderado pola USC desenvolveu 16 patentes para tecnoloxías de tratamento de augas

O proxecto Novedar_Consolider liderado pola USC desenvolveu 16 patentes para tecnoloxías de tratamento de augas
O proxecto Novedar_Consolider liderado pola USC desenvolveu 16 patentes para tecnoloxías de tratamento de augas

Logo de cinco anos de traballo continuado, o proxecto Novedar_Consolider liderado pola Universidade de Santiago de Compostela chegou ao seu fin cun balance moi positivo no que destacan 16 patentes, a maioría delas transferidas a empresas. No Real Xardín Botánico de Madrid e coa asistencia de 150 persoas, a maioría pertencentes a empresas do sector de tratamento de augas, celebrouse o seminario técnico final dun proxecto que coordinou o profesor do Departamento de Enxeñaría Química da USC Juan M. Lema Rodicio e no que participaron 11 grupos de investigación, nove españois e dous holandeses. Novedar_Consolider iniciouse en 2007 cun orzamento de 4,5 millóns de euros e co obxecto de desenvolver a que sería a Planta de Tratamento de Augas Residuais do século XXI coa que se melloraría a auga e a recuperación de produtos durante o tratamento, minimizando os requisitos de enerxía e, por tanto, os custes de operación das plantas a gran escala e reducindo a produción de lodos. A maioría das unidades desenvolvidas neses cinco anos atópanse a escala piloto e varias están xa en fase de escala industrial. Entre elas sobresaen o proceso ELAN, para a eliminación de nitróxeno, patentado pola USC e Aqualia, e que se está a instalar na EDAR de Guillarei-Tui como primeira unidade en España; o proceso SEMPAC, transferido a Aquagest, para tratamento de augas hospitalarias e de industrias farmacéuticas; e o proceso SIAM en desenvolvemento entre a USC e Aqualogy. Intensa actividade O proxecto puxo un especial énfase na formación científica de persoal investigador mediante a organización de 10 escolas de verán especializadas en San Sebastián, Barcelona, Girona e Santiago de Compostela, nas que participaron máis de 200 xoves científicos de 15 países. Ademais, para favorecer a transferencia de resultados a empresas programáronse 17 cursos especializados (Cádiz, Delft, San Sebastián, Valladolid, Barcelona e Santiago de Compostela) e 5 seminarios técnicos en Barcelona, Valencia e Madrid. Foron tres os congresos internacionais desenvolvidos polo proxecto, conxuntamente coa International Water Association (IWA): Watermatex en San Sebastián, Water&Industry en Valladolid e ECOstp en Santiago de Compostela, onde se presentaron os resultados científicos máis salientables. Arredor de Novedar_Consolider publicáronse ademais 350 artigos en revistas especializadas internacionais, editáronse 11 libros e manuais, e defendéronse 16 teses de doutoramento. Ampliando fronteiras O concepto do proxecto Novedar trata de estenderse agora á Unión Europea mediante a acción COST ‘Conceiving Waste Water Treatment in 2020’ (Water 2020) aprobada en 2012 para a innovación no tratamento de augas residuais cun orzamento conxunto superior ós 68 millóns de euros na que participan universidades e empresas de 27 países e que tamén está coordinada pola USC. O seu obxectivo é desenvolver e analizar novas tecnoloxías máis eficientes para o tratamento das augas residuais que permitan obter unha auga de maior calidade, apta para reuso, minimizar a produción de lodos e reducir o consumo enerxético e o impacto ambiental. Esta é a primeira vez que unha Universidade galega lidera unha acción COST (European COoperation in Science and Technology) no ámbito da Investigación Científica e Técnica),rede de cooperación entre diferentes países organizada en torno a un obxectivo científico e técnico.

The contents of this page were updated on 11.21.2013.