Skip to main content

As Xornadas do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear reúnen en Compostela 200 expertos

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas
As V Xornadas CPAN celébrase por vez primeira en Galicia, destacando a contribución dos grupos da USC a experimentos internacionais como o LHC

As quintas xornadas do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN) celebraranse esta semana en Santiago de Compostela, sendo esta a primeira vez que se desenvolven en Galicia. Douscentos expertos danse cita entre os días 25 e 27 para abordar os retos do Gran Colisionador de Hadróns (LHC) a partir do seu reinicio en 2015, para analizar os últimos avances en física nuclear ou para tratar a próxima elección da sede do observatorio de raios gamma CTA, onde España propón candidatura, entre outros asuntos. No programa deseñado polo comité organizador que encabeza o profesor da Facultade de Física da USC José Luís Miramontes exporanse os resultados máis interesantes aos que teñen contribuído os grupos de investigación españois que participan nos experimentos do LHC ou os modelos teóricos elaborados a partir dos resultados obtidos ata agora no LHC co obxectivo de predicir onde se atopa a ansiada “nova física”. A detección polo experimento IceCube de neutrinos de alta enerxía ou as discusións sobre cales son os sistemas que permitan unha mellor medición das concentracións de gas radón, serán outros dos argumentos presentes nos debates que os expertos afrontarán nestas tres xornadas de traballo. Como broche ás xornadas, está programada tamén a entrega dos premios da cuarta edición do concurso de divulgación científica no que colabora a Fundación Xeral CSIC. Estes premios recoñecen traballos de divulgación sobre as áreas de investigación que abarcan os grupos do CPAN en cinco categorías. Programa do luns 25 As xornadas do luns 25 comezarán ás 15.00 horas no Hotel Araguaney coa xuntanza simultánea das Redes Temáticas de Física do LHC e de Física Nuclear, da Rede Nacional de Astropartículas e da de Física do Sabor, ademais do grupo de Física Teórica. Estas reunións continuarán o martes 26, engadindo ao programa a celebración de sesións plenarias dedicadas a Física Teórica, Nuclear, Experimental e Astropartículas.

The contents of this page were updated on 11.22.2013.