Santiago reúne 200 investigadores internacionais en Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear
As quintas xornadas do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN) celébranse esta semana en Santiago de Compostela, sendo esta a primeira vez que se desenvolven en Galicia. Douscentos expertos danse cita dende este luns 25 e ata o mércores 27 para abordar os retos do Gran Colisionador de Hadróns (LHC) a partir do seu reinicio en 2015, para analizar os últimos avances en física nuclear ou para tratar a próximo elección da sede do observatorio de raios gamma CTA, onde España propón candidatura, entre outros asuntos. No programa deseñado polo comité organizador que encabeza o profesor da Facultade de Física da USC José Luís Miramontes exporanse os resultados máis interesantes aos que teñen contribuído os grupos de investigación españois que participan nos experimentos do LHC ou os modelos teóricos elaborados a partir dos resultados obtidos ata agora no LHC co obxectivo de predicir onde se atopa a ansiada “nova física”. A detección polo experimento IceCube de neutrinos de alta enerxía ou as discusións sobre cales son os sistemas que permitan unha mellor medición das concentracións de gas radón, serán outros dos argumentos presentes nos debates que o expertos afrontarán nestas tres xornadas de traballo. Como broche ás xornadas, está programada tamén a entregado dos premios da cuarta edición do concurso de divulgación científica no que colabora a Fundación Xeral CSIC. Estes premios recoñecen traballos de divulgación sobre as áreas de investigación que abarcan os grupos do CPAN en cinco categorías. Programa do luns 25 As xornadas do luns 25 comezan ás 15.00 horas no Hotel Araguaney coa xuntanza simultánea das Redes Temáticas de Física do LHC e de Física Nuclear, da Rede Nacional de Astropartículas e da de Física do Sabor, ademais do grupo de Física Teórica. Esta reunións continuarán o martes 26, engadindo ao programa a celebración de sesións plenarias dedicadas a Física Teórica, Nuclear, Experimental e Astropartículas. Maior observatorio do mundo de telescopios Cherenkov Outro dos temas destacados neste encontro CPAN será a decisión relativa ao emprazamento da sede no hemisferio norte do que será o maior observatorio do mundo de telescopios Cherenkov, CTA. España, como un dos 27 países que forma a colaboración internacional, aspira a albergar a sede na illa de Tenerife. Tamén se prestará atención á contribución española á construción do futuro laboratorio de referencia en Europa en física nuclear, FAIR, con proxectos como AGATA ou CALIFA, este último liderado pola Universidade de Santiago, LHC Actualmente, o LHC atópase na súa primeira parada de mantemento para volver a funcionar en 2015 á súa máxima potencia. Os grupos de investigación españois explicarán en Santiago a súa contribución á mellora do maior acelerador de partículas do mundo e como influirá no aumento do seu potencial de descubrimento. Nos seus primeiros tres anos, o LHC superou as expectativas: ademais de atopar o bosón de Higgs e confirmar a teoría sobre a orixe da masa que lles valeu o Nobel de Física a Peter Higgs e François Englert, acumulou gran cantidade de datos que permitiron aos físicos obter interesantes resultados.