Skip to main content

Un ciclo de documentais cinematográficos achega en abril a realidade do pobo saharauí

De esquerda a dereita, Enrique Porto, Habibulah Mohamed Kori, Pablo Sampedro; Santiago Jiménez e Luis Hueso
De esquerda a dereita, Enrique Porto, Habibulah Mohamed Kori, Pablo Sampedro; Santiago Jiménez e Luis Hueso
‘Espellos dende o Sahara. Un pobo rachando as arañeiras do esquecemento’ proxectarase en Filosofía os luns e mércores do mes

Un pobo rachando as arañeiras do esquecemento. Así se presenta o ciclo de cinema documental que durante o mes de abril mostrará na USC a realidade dos saharauís, cunha historia marcada pola loita de descolonización que iniciou contra España e hoxe a enfronta politicamente a Marrocos. Axudado pola participación de destacados especialistas e coñecedores do conflito, o público que se achegue os luns e mércores entre o 8 e o 24 de abril ás 19.30 horas á Facultade de Filosofía terá a oportunidade de asistir a un mundo máis tráxico que exótico no que se atoparán vidas intensas, delicadas percepcións e un constante canto á coraxe e á vontade de subsistir. Un achegamento ao horizonte cultural do Magreb desértico que busca provocar nos espectadores inquedanzas, interrogantes e curiosidade por unha concepción máis global e diversa do mundo. ‘Espellos dende o Sahara. Un pobo rachando as arañeiras do esquecemento’ presentárono este martes no Colexio de Fonseca o director da Área de Cultura, Pablo Sampedro; o delegado saharauí en Galicia, Habibulah Mohamed Kori; o profesor de Historia Medieval da USC e vicepresidente da Coordinadora Estatal de Asociacións Solidarias co Sahara (CEAS-Sahara), Santiago Jiménez Gómez; o catedrático de Historia do Cinema, Luis Hueso; e o vicepresidente de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Enrique Porto. Habibulah Mohamed Kori mostrouse moi satisfeito pola organización deste ciclo “nun momento crucial no que o pobo saharauí vive practicamente nun estado de queda axudado en certa maneira pola ausencia de repercusión mediática”. Este ciclo servirá para denunciar “o silencio no que vivimos”, dixo, “un silencio que sempre é o mellor aliado dos sistemas que violan o dereito internacional”. Kori participará, xunto ao escritor Manuel Rivas, na xornada inaugural do ciclo, o 8 de abril, na que se proxectarán os traballos ‘Sáhara. Llamando a las puertas del cielo’, unha cinta de 66 minutos de Pedro Pérez Rosado, e ‘Un grito desde el Sáhara’ (48 minutos), unha produción de Unai Aranzadi coa ONG Mundubat que investiga as dramáticas consecuencias que este conflito ten para os civís saharauís, destacando o papel da muller. Seguintes sesións O 10 de abril será a quenda do filme ‘El rumor de la arena’ (82 minutos), de Jesús Prieto e Daniel Iriarte, que narra o reencontro dunha familia saharauí que leva máis de 30 anos sen verse. No coloquio participarán o profesores da USC de Historia do Cine José María Folgar de la Calle e o catedrático de Dereito Constitucional e experto na cuestión saharauí, Carlos Ruiz Miguel. ‘Gdeim Izik. Detonante de la primavera árabe’ (45 minutos) e ‘Tebraa. Retratos de mujeres’ (66 minutos) serán as proxeccións do 15 de abril, con comentarios da catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade Margarita Ledo e da presidenta da Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Maite Isla Avión. Pedro Pérez-Rosado é o director da cinta de ficción guionizada ‘Wilaya’ (2012, 84 minutos), que presentará o 17 de abril o catedrático Luis Hueso Montón e o escritor e responsable da área de Cultura na Delegación Saharauí en España, Mohamed Ali Ali Salem. O 22 de abril é a quenda do documental ‘Hijos de la nube. La última colonia’ (80 minutos), dirixida por Álvaro Longoria e Javier Bardem en 2012. Será comentada polo profesor Xosé Ramón Pousa e polo presidente da CEAS-Sahara, José Taboada Valdés. O ciclo remata o 24 de abril coa proxección de ‘El problema. Testimonio del pueblo saharaui’ (80 minutos), coa intervención do codirector da película Pablo Vidal e do profesor Santiago Jiménez Gómez.

The contents of this page were updated on 04.02.2013.