Skip to main content

Aberta a matrícula nos cursos de idiomas, probas e outras actividades académicas do CLM da USC nos campus de Santiago e Lugo

Programación académica do CLM da USC para o primeiro semestre do curso 2019-20
Programación académica do CLM da USC para o primeiro semestre do curso 2019-20
A oferta do CLM inclúe cursos de alemán, francés, inglés, italiano, portugués, catalán, checo, xaponés, galego para non galegofalantes e español como lingua estranxeira
Lugo, Santiago de Compostela

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC mantén aberta a matrícula nos cursos de idiomas que impartirá ao longo do primeiro semestre do curso 2019-20, así como nos test de nivel. A oferta formativa do CLM aprobada pola Vicerreitoría de Organización Académica da USC para este período é ampla e inclúe cursos de alemán, francés, inglés, italiano, portugués, catalán, checo, xaponés, galego para non galegofalantes e español como lingua estranxeira no campus de Santiago. No campus de Lugo, o CLM da USC ofrece cursos de alemán, francés, inglés, galego para non galegofalantes e español como lingua estranxeira. A matrícula xa está aberta para todas as persoas que queiran continuar o estudo da lingua elixida ou comezar a aprendizaxe dunha nova, segundo a normativa recollida na convocatoria e publicada na web do CLM da USC.

Unha das novidades da nova programación de cursos do CLM da USC atinxe á posibilidade de que tamén os estudantes da USC que non teñan acreditado o nivel B1 en ningún idioma estranxeiro poidan solicitar o recoñecemento de créditos ECTS por cada 25 horas de curso. Ademais, segundo a normativa vixente, canto maior sexa o grao de coñecemento da lingua e cantos máis cursos realicen, máis créditos académicos poderán acadar ata un máximo de seis, segundo indicou a directora do CLM da USC, Katerina Vlasakova, quen destacou a “relación óptima entre o prezo e a calidade das clases, así como a atención individualizada por parte do profesorado altamente cualificado”.

Test de nivelación para o acceso aos cursos do CLM

Todas as persoas interesadas en estudar unha lingua da que xa posúan coñecementos previos, pero que non teñan o nivel asignado polo CLM nin pola EOI nos últimos dous anos, terán que facer un test de nivel. As datas habilitadas para a realización destas probas, cuxo calendario está accesible na web do CLM da USC, comezarán o 12 de setembro en Santiago e o 16, en Lugo

Probas de competencia lingüística segundo o MECR B1, B2

O CLM é tamén o centro examinador para a comunidade universitaria da USC das probas B1 e B2 de alemán, inglés francés, italiano e portugués en Santiago, e de alemán, inglés e francés, en Lugo, segundo as convocatorias dispoñibles na web do CLM.

Probas externas

O CLM da USC, en calidade de centro delegado de diferentes entidades de prestixio internacional (Goethe Institut, Instituto Cervantes, Japan Foundation, Università per Stranieri di Siena e British Council entre outros), organizará durante o curso 2019-2020 máis probas externas para acreditar os niveis segundo o MECR. Estas probas están abertas tamén a persoas á USC.

As persoas interesadas en obter máis información sobre os cursos, probas e outras actividades académicas do Centro de Linguas Modernas da USC programadas para o curso 2019-2020 poden consultar a páxina web e o seu perfil de Facebook, onde se publican as novas e avisos importantes.

The contents of this page were updated on 12.26.2019.