Publican claves para "matar de fame" bacterias que causan tuberculose e cancro de estómago

Investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS) publican un artigo científico na revista ACS Chemical Biology que ademais foi seleccionado para a súa portada. Nel descríbense as claves para "matar de fame" un encima crucial na proliferación de dúas bacterias patóxenas moi importantes, a Mycobacterium tuberculosis –causante da tuberculose– e a Helicobacter pylori –o axente causante da úlcera gástrica e duodenal (e promotor do cancro de estómago). A prevalencia da tuberculose e de infeccións con Helicobacter pylori xunto ao crecente problema da resistencia aos antibióticos provocan un grande interese, académico e da industria farmacéutica, en desenvolver estratexias máis eficaces no desenvolvemento de fármacos activos para combater as infeccións bacterianas. Enganar as bacterias O grupo de investigación da USC liderado pola profesora Concepción González-Bello ideou unha forma de "enganar" estas bacterias, consistente en evitar o normal funcionamento dun dos encimas que necesitan para sobrevivir. Para iso deseñáronse compostos moi parecidos aos que utiliza habitualmente a bacteria pero que evitan que esta funcione con normalidade. Este método impide a produción de nutrientes esenciais para a vida da bacteria, que finalmente " morre de fame". Unha gran vantaxe de adoitar esta estratexia é que así sería moi difícil para a bacteria xerar resistencia ao antibiótico. Ademais os animais non posúen dito encima, polo que os investigadores esperan que estes compostos non teñan efectos prexudiciais no ser humano. Para o deseño dos compostos, o grupo da profesora González Bello utiliza diversos programas informáticos que lle permiten prever de antemán o seu efecto sobre o encima, o que facilita escoller aqueles compostos que a priori serían os máis efectivos, para a continuación preparalos no laboratorio e finalmente ensaialos. O grupo de investigación logrou ademais obter datos reais do proceso grazas á resolución, mediante técnicas de raios X, das diversas estruturas interaccionando co encima, o que vén a ser unha fotografía de ambos os dous a nivel atómico. Isto permitiu demostrar a idea inicial e continuar así co proceso de optimización dos devanditos compostos. Alta prevalencia A tuberculose é unha infección pulmonar altamente contaxiosa e unha das primeiras causas de mortalidade no mundo (calcúlanse case dous millóns de mortes por ano e estímase que aproximadamente un 10% das persoas infectadas coa bacteria desenvolverán a enfermidade nalgún momento). Pola súa banda, as persoas infectadas co Helicobacter pylori teñen o risco de poder desenvolver cancro de estómago. Estímase que hoxe esta bacteria afecta ao 50% da poboación mundial, e aínda que isto non supón padecer a enfermidade preocupa enormemente que, cada vez máis, as cepas desenvolven mecanismos para "loitar" contra os antibióticos, de forma que se volven resistentes a eles. Por poñer un exemplo, no sur de Europa o número de casos de cepas resistentes incrementouse nun 20%, e en certas rexións dos Estados Unidos chegou ata o 30%. Portada da revista ACS Chemical Biology co artigo do equipo da USC