Skip to main content

Profesores da USC e de Murcia impulsan a creación da Asociación Española de Veterinarios Docentes

Ángel Abuelo e Cristina Castillo, dous dos membros da asociación VetDoc na facultade de Veterinaria de Lugo
Ángel Abuelo e Cristina Castillo, dous dos membros da asociación VetDoc na facultade de Veterinaria de Lugo
A Facultade de Veterinaria de Lugo acubilla a sede desta nova entidade que busca mellorar o proceso de aprendizaxe do estudantado

Profesores de Patoloxía Xeral das facultades de Veterinaria das universidades de Santiago de Compostela (USC) e de Murcia veñen de impulsar a creación da Asociación Española de Veterinarios Docentes (VetDoc), constituída recentemente na Facultade de Veterinaria de Lugo e a través da que os seus integrantes pretenden fomentar o encontro e intercambio de ideas entre todos os que están envoltos nas tarefas de docencia das diferentes facultades de Veterinaria de España.

A asociación VetDoc, que ten a a súa sede no campus de Lugo, está presidida pola profesora da Facultade de Veterinaria de Lugo, Cristina Castillo Rodríguez, mentres que actúa como vicepresidente o docente da Facultade de Veterinaria de Murcia Juan Sotillo Mesanza. O obxectivo desta nova agrupación de docentes, sexan veterinarios ou non, é o de mellorar e adaptar á realidade actual o proceso de aprendizaxe dos estudantes de Veterinaria. VetDoc xurde, segundo subliña a profesora Cristina Castillo, ante a necesidade de establecer un espazo de encontro común entre todas as disciplinas que integran o grao en Veterinaria e que se viron abocadas a afrontar os profundos cambios que supuxo xa non só a adaptación ao chamado espazo europeo de ensino superior, senón tamén á propia evolución que experimenta a sociedade. A directiva da Asociación Española de Veterinarios Docentes (VetDoc), unha iniciativa novidosa no plano nacional, pero que xa é unha realidade desde hai anos noutros países da contorna europea, xa deu a coñecer nestes días a existencia deste novo colectivo aos decanos das distintas facultades de Veterinaria de España, a fin de que o profesorado interesado se sumara á iniciativa. Cristina Castillo Rodríguez, que é unha das principais impulsoras desta nova asociación docente, móstrase moi ilusionada co traballo e coas achegas que pode facer este colectivo a prol da mellora da ensinanza veterinaria. Esta docente da facultade luguesa lembrou neste senso o éxito do Simposio de Educación Veterinaria que cada ano reúne nunha facultade de Reino Unido ou de Irlanda a un elevado número de docentes destes países e tamén doutros lugares. Unha vez constituída a Asociación Española de Veterinarios Docentes (VetDoc), unha das súas primeiras actuacións será organizar o vindeiro ano 2014 un encontro de docentes de Veterinaria no campus de lugo, a fin de poder intercambiar así ideas e experiencias entre os distintos aspectos que compoñen a educación dos estudantes de Veterinaria.

Ademais desta primeira acción, a asociación VetDoc mantén aberta a caixa de correo vet.doc [at] outlook.com (vet[dot]doc[at]outlook[dot]com), na que calquera interesado pode deixar as súas dúbidas, consultas, proxectos..., informou Cristina Castillo.

The contents of this page were updated on 04.04.2013.