Skip to main content

A Cátedra Valente da USC recolle nun libro o legado e as vivencias do autor en Galicia, Oxford e Madrid

González Rey, García Herradón, Rodríguez Fer e Santiso, na Facultade de Humanidades de Lugo
González Rey, García Herradón, Rodríguez Fer e Santiso, na Facultade de Humanidades de Lugo
Rodríguez Fer adianta en Humanidades que a serie ‘Valente Vital’ abordará noutra entrega a figura do autor en Xenebra, París e Almería

A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela recolle no libro ‘Valente vital (Galicia, Oxford, Madrid)’ o legado e as vivencias do xenial poeta, ensaísta e tradutor ourensán durante a súa infancia e mocidade, transcorrida no seu Ourense natal ata que comezou a súa breve etapa universitaria en Compostela, onde logo de facer un curso de Dereito e despois de conseguir unha bolsa de estudos, optou por completar a súa formación na Universidade Complutense de Madrid, na que se licenciou en Filoloxía Hispánica para, de seguido, trasladarse ao Reino Unido, onde permanecería por un período de tres anos como lector na Universidade de Oxford.

O director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC e coordinador deste primeiro libro da serie ‘Valente vital’, Claudio Rodríguez Fer, sintetizou deste xeito o miolo dos contidos do volume, saído do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago e presentado onte na Facultade de Humanidades de Lugo. O libro ‘Valente vital (Galicia, Oxford, Madrid)’ ten un marcado carácter biográfico, pois compila exhaustivas investigacións sobre a vida e a obra do autor nas etapas referidas e que foron desenvolvidas, respectivamente, polo propio Rodríguez Fer, que se centrou na etapa galega e madrileña de Valente. A investigadora Marta Agudo estudou o periplo madrileño de José Ángel Valente, mentres que o tamén investigador e gran coñecedor de Valente Manuel Fernández Rodríguez desenvolveu as investigacións precisas para coñecer “todos os detalles”, preciso Rodríguez Fer, de como foi a vida de Valente en Oxford. O director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, unha cátedra creada no ano 2000 logo de que o universal poeta galego cedera todo o seu arquivo documental e unha biblioteca formada por máis de 12.000 volumes, á institución académica compostelá, sinalou que a publicación deste tipo de obras supón pouco menos que “a obriga contraída e o agradecemento da Universidade do Santiago ao propio Valente polo seu valiosísimo agasallo”. Rodríguez Fer fixo tamén fincapé no alto valor artístico e económico do material legado por José Ángel Valente, entre o que se atopan manuscritos e creacións artísticas dalgúns dos máximos expoñentes do século XX, sobre todo daqueles máis próximos ao mundo do abstracto e a vangarda, que era tamén o que máis lle atraía a Valente, dixo Rodríguez Fer, quen remarcou o interese que tiña pola estética e por todas as manifestacións artísticas José Ángel Valente, ao que se referiu como “unha persoa máis esixente que condescendente”. pola estética, A presentación desta obra que atopa o seu epicentro na biografía de José Ángel Valente na Facultade de Humanidades do campus de Lugo contou tamén coa presenza da pintora María José Santiso, que é a autora da ilustración da coidada cuberta do libro, así como da propia decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, e do vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón. González Rey aproveito a súa intervención no acto para agradecer ao director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC o feito de celebrar a presentación deste no traballo no centro universitario lugués, que “aínda qué é un centro pequeno é humilde, non por eso deixa de ser unha facultade dinámica”, dixo. O vicerreitor Pedro García Herradón trasladou aos seus parabéns polo bo facer da Cátedra Valente da USC, ao tempo que salientou que este tipo de traballos responden a algunha das máximas xa contempladas na xa vella Lei Orgánica de Universidades (LOU), que, precisou, recolle entre os cometidos das universidades, a difusión, valoración e transferencia de coñecemento cultural, científico, tecnolóxico, artístico.... García Herradón subliñou que tales obxectivos de la LOU “non encaixan coas pretensións doutras normativas que buscan impoñer e que poñen en risco facultades como a de Humanidades, a pesares de que omiten os aspectos xa fixados na LOU e baséanse en facer profesionais un determinado número de estudantes”, dixo. Panorama literario vital O panorama literario e vital do universal poeta galego e tamén ensaísta e tradutor español José Ángel Valente, que naceu en Ourense o 25 de abril de 1929 e finou en Xenebra o 18 de xullo do ano 2000, foi o eixo temático da mesa redonda que se celebrou no propio salón de graos da Facultade de Humanidades logo da presentación do libro. Nesta sesión, aberta á participación de alumnos e todo o público interesado, interviron como relatores algúns dos autores do libro ‘Valente vital (Galicia, Madrid, Oxford)’ e outros profesores e estudosos da figura, da vida e do legado literario de Valente. A escritora Carmen Blanco, doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, desenvolveu a súa intervención nesta mesa redonda baixo o título ‘Valente en Galicia: Alén de Rosalía’. O tamén filólogo e autor do libro Manuel Fernández Rodríguez abordou a época de José Ángel Valente en Inglaterra, falou da súa estadía en Oxford e da súa relación exilio. Claudio Rodríguez Fer tratou de Valente en Suíza, unha intervención na que o coordinador do libro fixo tamén apuntamentos da relación de Valente coas Nacións Unidas, do seu antifascismo e tamén da súa relación de amizade e desafectos con María Zambrano. A intensidade do encontro do multilingüísmo cotián co que conviviu Valente durante a súa estadía en Francia centrará a intervención nesta mesa redonda de María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidade de Alta Bretaña.

En sintonía coas preocupacións e escritos de Valente sobre a guerra civil española, a segunda Guerra Mundial e o nazismo, o fillo da activista antifascista Mercedes Núñez, quen logo de traballar como secretaria de Pablo Neruda en Barcelona foi presa na España de Franco e internada no campo de exterminio nazi de Ravensbrück, ofrecerá un testemuño histórico vital. Daquela, o relatorio de Pablo Iglesias Núñez, delegado da Amical de Mauthausen e outros campos de concentración nazis, servirá de colofón desta sesión de análise e debate sobre a vida e a obra de José Ángel Valente.

The contents of this page were updated on 04.03.2013.