Fran Pérez, NARF, acompañado de Marcos Teira á guitarra, presenta este xoves o traballo ‘Lingua viaxeira’

O compositor e cantautor galego Fran Pérez, NARF, presentará este xoves, a partir das 20.30 horas, na Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo o seu último traballo, ‘ Lingua viaxeira’. Nesta actuación, programada ao abeiro do convenio Lugo Cultural no ciclo ‘Lubicán 2013’, Narf compartirá escenario co guitarrista Marcos Teira. Tras varios anos de viaxes e experiencias de intercambio con artistas de países como Brasil, Mozambique, Reino Unido, Portugal, Cabo Verde ou Guinea Bissau, Fran Pérez, NARF, artellou un cada vez máis amplo repertorio que, partindo do galego, medrou grazas ao intercambio con outros creadores, xerando así un pequeno ámbito de convivencia entre linguas que nalgúns casos comparten a mesma orixe e a súa pertenza ao mundo lusófono, e noutros a mesma paixón pola palabra cantada. Poemas e letras, a través das que Fran Pérez, NARF, recita a grandes poetas como Castelao ou o mozambicano José Craveirinha, pasando polo portugués Luis de Camões, ata outros autores contemporáneos como o tamén galego Xelís de Toro, o británico Johnny Lays, ou Sonia Sountuane, de Mozambique, conforman o repertorio de ‘Lingua viaxeira’, un traballo no que ademais tamén teñen cabida outras pezas escritas polo propio Narf en colaboración con artistas como o guineano Manecas Costa. Este novo concerto de NARF en Lugo, onde xa actuara xunto con Manecas Costa no Lubicán 2010, presenta un formato máis intimista. Así, o público poderá escoitar a Fran Pérez tanto cantar en galego, en portugués, en linguas de orixe bantú como o shangana ou o machopi, e tamén en inglés. Todas e cada unha das cancións que compoñen este repertorio teñen unha historia detrás relacionada coa viaxe, co encontro e coa “Lingua Viaxeira”, incansable e curiosa. E todas, tamén, responden á forte identidade dun artista aventureiro pero cun estilo propio xa consolidado e moi persoal.
A actuación de Fran Pérez, NARF, e Marcos Teira dará comezo ás 20.30 horas na Casa do Saber de Lugo. A entrada a este concerto, o terceiro dos programados no Lubicán 2013, é de balde, como todas as actividades feitas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que actualmente están representados Concello e Deputación de Lugo, ademais da propia Universidade de Santiago. O aforo é limitado.