Skip to main content

Xornadas de portas abertas no CIQUS

Xornadas de portas abertas no CIQUS
Xornadas de portas abertas no CIQUS
Con experimentos científicos, visitas guiadas e unha exposición de carteis

O Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS) abre as súas portas o xoves e o venres desta semana, días 4 e 5 de abril, a todas aquelas persoas interesadas en coñecer de cerca a actividade deste centro de investigación do Campus Vida, ou que simplemente desexen achegarse á química dunha forma amena e mesmo divertida. As xornadas, en horario de tarde, inclúen experimentos e demostracións científicas, visitas guiadas a algunhas das instalacións do edificio e unha exposición de carteis que explica, a nivel divulgativo, as liñas de investigación do centro. Como novidade, a presente edición destas xornadas de divulgación científica inclúe un obradoiro de experimentos lúdicos nos que os “pequenos investigadores” poderán participar activamente e que sen dúbida espertará o interese e curiosidade por esta ciencia entre os visitantes máis novos. Con estas xornadas de portas abertas o CIQUS, que na súa edición do 2011 recibiu máis de 500 visitas, finalizará as súas actividades de divulgación do presente curso académico, que incluíron ademais xornadas dirixidas a alumnos de bacharelato de toda Galicia nos que tiveron ocasión de realizar experimentos e descubrir técnicas que poñen en valor o papel da química no desenvolvemento científico e tecnolóxico da sociedade. Horario das Xornadas de portas abertas: xoves 4 (de 17h a 20h) e venres 5 de abril (de 18 a 22 h). CIQUS, C/Jenaro de la Fuente s/n (esquina Avda. Mestre Mateo), Campus Vida.

The contents of this page were updated on 04.03.2013.