Skip to main content

A sétima promoción do máster universitario en Enxeñaría Ambiental remata estudos

No acto de graduación, preséntase o convenio polo que Aquagest colabora no desenvolvemento deste posgrao

A USC e Aquagest asinaron recentemente un convenio que permite a posta en marcha dun conxunto de accións e iniciativas encamiñadas á promoción e ao impulso da Xestión e Tratamento de Augas no ámbito docente e da investigación universitaria. As accións que se desenvolverán centraranse nas titulacións da USC vinculadas con este ámbito, como o grao en Enxeñaría Química ou os másteres de Enxeñaría Química e Bioprocesos e no de Enxeñaría Ambiental. O acto de graduación da sétima promoción deste último é o marco no que se presenta este venres 5 o convenio entre a USC e Aquagest, quen contribúe como entidade colaboradora e patrocinadora deste posgrao. O acordo contempla ademais o establecemento dun programa de catro bolsas para estudantes de primeiro ano do máster en Enxeñaría Ambiental, dotadas con 250 euros cada unha, así como a convocatoria dun premio anual ao mellor Traballo Fin de Máster, cunha dotación en temático de 300 euros. Ademais, por esta colaboración, Aquagest realizará ofertas de prácticas por parte do estudantado dos últimos cursos das titulacións que imparta a USC no ámbito da Xestión e Tratamento de Augas. Acto de graduación A sétima promoción do Máster universitario en Enxeñaría Ambiental celebra este venres 5 a súa graduación nun acto protocolario presidido polo reitor Juan Casares no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) a partir das 17.00 horas. Na sesión tamén participa o director de Operacións de Aquagest Galicia, José Antonio del Rey, que presentará o convenio de patrocinio deste Máster. Este acordo reforza a xa longa cooperación existente entre a universidade compostelá e a empresa tanto no eido académico, científico e tecnolóxico. O programa desta graduación principiará coa intervención de Santiago Gómez en representación do alumnado, para dar paso ao profesor Gumersindo Feijoo Costa, padriño da promoción, e ao coordinador do máster e subdirector da Escola, Francisco Omil Prieto. Logo da presentación que realizará José A. del Rey en relación co convenio de patrocinio procederase á entrega de bolsas Aquagest ao alumnado de primeiro curso e de diplomas ao alumnado que remata os estudos do máster.

The contents of this page were updated on 04.05.2013.