Skip to main content

González Cantalapiedra anima aos titulados da facultade de Lugo a profesionalizar a Veterinaria no seu futuro cometido laboral

No acto entregouse ao alumnado un agasallo conmemorativo da graduación
No acto entregouse ao alumnado un agasallo conmemorativo da graduación
O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares, presidiu o acto de licenciatura da vixésima quinta promoción, no que participaron preto dun cento de estudantes

O profesor do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da Universidade de Santiago Antonio González Cantalapiedra apadriñou a vixésima quinta promoción de licenciados/as formados na facultade do campus de Lugo no transcurso dun acto presidido polo reitor da USC, Juan Casares, que congregou no auditorio Enrique A. González García a preto dun centenar de estudantes e ás súas familias, así como a unha nutrida representación de autoridades académicas e civís. Entre os asistentes atopábanse o secretario xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, José Díez de Castro; o tenente de alcalde de Lugo, Luis Álvarez, o decano do Colexio Oficial de Veterinarios de A Coruña, Xosé Uxío Rey Fernández; a vicedecana da Facultade de Veterinaria de Lugo, Marta Miranda, e o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón. O profesor Antonio González Cantalapiedra, elexido polos propios estudantes para apadriñar a promoción 2008-2013 da facultade luguesa, destacou na súa intervención o carácter vocacional da profesión veterinaria, ao tempo que animou aos futuros compañeiros a avanzar na profesionalización do seu futuro cometido laboral. A profesora do Departamento de Patoloxía Animal da USC e membro da Academia de Ciencias Clínicas Veterinarias de Galicia, Cristina Castillo, foi a encargada de ofrecer a lección maxistral desta cerimonia académica, que se desenvolveu baixo o título ‘El Quijote baixo o prisma veterinario’ . A amena intervención da profesora Castillo, trala que foi agasallada polos novos licenciados, deu paso á lectura do xuramento médico veterinario, un documento que posteriormente foi entregado ao alumnado da promoción 2008-2013 que están a piques de completar a titulación de Veterinaria no campus lugués. Unha semblanza feita polo propio alumnado e na que recollían algunhas das vivencias máis significadas experimentadas na etapa universitaria vivida na Facultade de Veterinaria de Lugo serviu de preludio á clausura dunha cerimonia académica que pechou o propio reitor da USC, que trasladou todos os seus parabéns aos futuros titulados e ás súas familias, así como ao colectivo de docentes que contribuíu á formación dos futuros profesionais.

The contents of this page were updated on 04.08.2013.