Skip to main content

Presentan en Santiago os resultados do proxecto que lidera a USC sobre a resposta das rexións europeas á Estratexia 2020

De esquerda a dereita, Sandra di Biaggio, Juan Casares Long e Rubén Lois. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Sandra di Biaggio, Juan Casares Long e Rubén Lois. Foto: Santi Alvite
ESPON SIESTA celebra a súa conferencia final esta semana en Santiago

O proxecto ‘ SIESTA: Spatial Indicators for a Europe 2020 Strategy Territorial Analysis’, liderado pola USC a través do grupo de investigación de Análise Territorial (ANTE), presenta estes días os seus resultados finais nunha conferencia que está a ter lugar no Centro de Estudos Avanzados da USC. No acto inaugural participaron o reitor da USC, Juan Casares Long; o coordinador do proxecto, o profesor da USC Rubén Lois; e a supervisora da unidade central de Luxemburgo, Sandra di Biaggio. O obxectivo de SIESTA é coñecer como as distintas rexións europeas responden á Estratexia 2020 de crecemento da Unión Europea (EU2020S). Entre outras cuestións importantes, o traballo derivou no desenvolvemento dun Atlas das rexións da UE fronte á EU2020S como plan xeral para a saída da crise aplicable ao conxunto dos países comunitarios. Os resultados alcanzados difundíronse entre os policy-makers de varias rexións europeas para que sirvan como base para as súas políticas públicas. Ao tempo, servirán á Comisión Europea para mellorar o deseño tanto das políticas rexionais e de cohesión como da Política Agraria Común, pesqueira, ambiental, industrial, de innovación e inclusión. O profesor da USC Rubén C. Lois coordinou a investigación en calidade de director do grupo ANTE. Forman parte da rede como socios o CNRS (Francia), a Universidade Adam Mickiewicz de Poznan (Polonia), a Universidade de Reggio Calabria ‘Mediterranea’ (Italia), a Universidade Aberta Helénica (Grecia), o CICADIT da Universidade de Bucarest (Romanía), o University College de Dublín (Irlanda) e a consultora MCRIT (España). SIESTA está financiado polo Programa ESPON 2013 da UE (European Observation Network for Territorial Development and Cohesion) cunha achega de 400.000 euros. Este programa está financiado á súa vez polo fondo FEDER e interesa aos 27 países da Unión Europea máis Islandia, Liechtenstein, Noruega y Suíza. Á conferencia final asisten os membros de todos os grupos de investigación europeos implicados no proxecto. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 04.05.2013.