O eclipse de sol deste domingo apenas se apreciará en Galicia

Na media mañá deste domingo 3 de novembro terá lugar unha eclipse solar híbrida (total-anular) aínda que na Península Ibérica se verá só como parcial e de moi baixa magnitude, “tanto menor canto máis ao norte”, segundo informa o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, que advirte de que en Galicia vai ser “case testemuñal” xa que a Lúa ao pasar por diante do Sol vai escurecer por termo medio un 2,3% do seu disco, chegando ata un 3,2% no sur de Pontevedra. En Compostela a eclipse parcial do domingo comezará as 12:50 horas, co seu máximo ás 13:23, e rematará ás 13:56. Para outras localidades galegas estes instantes diferirán moi pouco. Para tentar observala recoméndase facelo en torno á hora do máximo e sempre coa protección ocular necesaria –g afas especiais ou cristais de soldadura autóxena con máximo factor de protección–, nunca mirando ao Sol directamente e menos aínda con prismáticos ou telescopios. Docobo sinala que o método mais seguro é proxectar a imaxe solar sobre unha pantalla. Eclipses híbridas As eclipses híbridas de Sol prodúcense cando as distancias Sol-Terra e Lúa -Terra son tales que os tamaños aparentes do Sol e da Lúa son practicamente iguais. Dito doutro xeito, o cono de sombra xerado polas tanxentes externas aos discos de ditos astros só chega xusto no seu vértice a tocar a superficie terrestre.
Así, a eclipse solar instantánea transfórmase en anular ao variar lixeiramente a distancia entre a Lúa e a Terra no transcurso do fenómeno. Algo similar acontecera na rememorada eclipse do 17 de abril de 1912 cando a liña de centralidade atravesara o leste da provincia de Ourense, e en vilas como Verín ou Barco de Valdeorras púidose contemplar a eclipse total só en décimas de segundo.