O reitor Juan Casares participa no II Encontro Hispano-Alxerino de Universidades
O reitor Juan Casares participa estes días na Universidade de Orán (Alxeria) no II Encontro Hispano-Alxerino de Universidades que se vai desenvolver ata o mércores 30. O reitor compostelán acude en representación da presidencia da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) e en calidade de presidente da Comisión de Internacionalización e Cooperación da CRUE. Ademais de participar no acto inaugural, Juan Casares interveu como moderador dunha mesa redonda sobre a relación entre a Universidade e a empresa e a implantación dos parques científicos. Nela, avaliouse a experiencia das universidades españolas neste eido e tratarase de identificar os mecanismos de interacción entre os dous axentes sociais implicados. Na xuntanza participan representantes de preto de medio centenar de universidades e institucións investigadoras alxerinas así como dunha trintena de universidades españolas. Tamén acoden en calidade de entidades convidadas a Axencia Española de Cooperación Internacional sobre o Desenvolvemento (AECID), o Círculo de Comercio e Industria Arxelino-Español (CCIAE), o Parque Científicos de Alicante, Repsol, Fertiberia Alxeria ou unha representación da Unión Europea neste país.