Skip to main content

Futuros profesionais do dereito poden mellorar as súas habilidades orais e argumentativas en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito da USC organiza un obradoiro para que o seu estudantado poida mellorar de balde as súas habilidades comunicativas orais en galego e iniciarse na natureza, instrumentos, límites e fins da argumentación xurídica. O obradoiro, a celebrar na facultade do 18 de novembro ao 11 de decembro cunha duración total de 30 horas, pecha o prazo de inscrición o vindeiro día 13. A actividade está recoñecida con 1 crédito de libre configuración para a licenciatura en Dereito e 1 ECTS por recoñecemento de competencias transversais (lingua) para o grao. Cunha metodoloxía eminentemente práctica, os docentes Concha Diéguez, directora de Reverso Comunicación, Cultura e Lingua, e Héctor López de Castro Ruíz, avogado, tratarán de que o alumnado aprenda a superar o medo a falar en público, adquira estratexias de expresión oral e xestual, mellore a competencia na expresión oral en galego e identifique as peculiaridades da argumentación xurídica respecto da argumentación en xeral.

The contents of this page were updated on 11.05.2013.