O Museo Universitario A Domus do Mitreo recibe 4.200 visitantes en agosto e suma xa 12.500 este ano, un 25% máis que en 2018

O Museo Universitario A Domus do Mitreo rexistrou durante o mes de agosto 4.200 visitantes, unha afluencia récord que representa un incremento de máis dun 25% respecto das poucas máis de 3.000 visitas contabilizadas durante o mesmo período de 2018. O elevado número de visitantes que se achegaron ata o xacemento mitraico lugués en agosto permite elevar a 12.500 o número de persoas que accederon a este enclave arqueolóxico e ás súas salas expositivas desde comezos de ano, unhas estatísticas que tamén sitúan por riba o 25% o incremento das visitas contabilizadas durante os tres primeiros trimestres de 2010 con respecto ao o mesmo período do ano anterior.
Alén da cifra global, as estatísticas de visitantes do Museo Universitario A Domus do Mitreo revelan asemade unha salientable presenza de público estranxeiro, un colectivo que representa máis do 10% do total. Dos visitantes foráneos contabilizados neste período cómpre salientar que o xacemento mitraico recibiu visitantes de cinco continentes: África, Oceanía, Asia, Europa e América, aínda que a maior parte deste público estranxeiro procede de países europeos (738) e do continente americano (470) e concéntranse especialmente nos meses estivais.
O coñecemento do Museo Universitario A Domus do Mitreo tamén semella ir a máis, segundo se desprende das propias estatísticas de afluencia referidas ao presente exercicio, período no que esta sede museística de Lugo acolleu a persoas chegadas de todas as comunidades autonómas. Madrid, Andalucía, País Vasco, Cataluña, Castela A Mancha, Castela León e Comunidade Valenciana son algunhas das rexións españolas que aportaron este ano máis público ao museo universitario lugués.
O número de visitantes galegos que a se achegaron este ano ata o Museo Universitario A Domus do Mitreo tamén medrou sensiblemente respecto de exercicios anteriores. Daquela, segundo as estatísticas, preto de 1.900 dos visitantes galegos recibidos en 2019 son da provincia de Lugo, 822 chegaron desde A Coruña, 616 desde Pontevedra e 225 de Ourense.
A transformación da Domus do Mitreo en museo universitario converteu a USC en responsable único da xestión dunhas instalacións que desde a súa apertura espertaron grande interese turístico. Estes cambios coincidiron tamén coa implantación de taxas de entrada e coa ampliación do horario de visitas ao citado museo, agora accesible para o público de martes a sábado, en quenda de mañá e tarde, e dos domingos en horario matinal.