Skip to main content

Investigadores traballan en novas vías de loita contra o cancro a través da interacción de ADN con clústeres de átomos de ouro ou prata

O reitor Juan Casares, terceiro pola dereita, participou na xuntanza da comisión de seguimento do proxecto
O reitor Juan Casares, terceiro pola dereita, participou na xuntanza da comisión de seguimento do proxecto

Investigadores das universidades de Santiago, Burgos, Palermo e Pisa están a traballar no desenvolvemento do proxecto ‘Interacción de ADN con complexos organometálicos de Ru(II) e clústeres cuánticos atómicos’, financiado pola Obra Social la Caixa. Segundo se puxo de manifesto na xuntanza da Comisión de Seguimento do proxecto, os investigadores teñen alcanzado satisfactoriamente os obxectivo fixados para o primeiro ano de traballo. Sintetizáronse e caracterizáronse preto de 50 novos derivados de rutenio, cuxos efectos biolóxicos comezaranse a estudar con detalle nos próximos meses, aínda que algúns deles xa se puido constatar que presentan “interesantes propiedades anticanceríxenas”, sinalan os investigadores. O proxecto tamén deu continuidade ao traballo arredor da interacción de Clústeres Cuánticos Atómicos (AQC’s) con macromoléculas , ao tempo que se están realizando a análise das súas repercusións funcionais en células tumorais humanas. Os AQC están constituídos por un número pequeno (inferior a 10-15) de átomos de elementos metálicos (Au, Ag,...), en estado de oxidación e cunha xeometría plana ou case plana con dimensión menores de aproximadamente 0.5 nm. Como explican os/as integrantes do proxecto, a súa alta estabilidade, o seu pequeno tamaño e a súa xeometría permiten a súa interacción con ADN inhibindo, entre outras encimas, as toposiomerasas I e II, necesarias para a replicación celular e dando como resultado a eventual morte celular por apoptose. Ademais, os traballos desenvolvidos no marco deste proxecto permitiron observar que os AQC’s son moi activos en combinación terapéutica con outros fármacos antitumorais de uso clínico. Este proxecto ten un marco carácter interdisciplinar incluíndo estudos químico-físicos experimentais e computacionais, de síntese orgánica e estudos biolóxicos e médicos. O reitor Juan Casares recibiu recentemente aos asistentes á xuntanza da Comisión de Seguimento, na que participaron por parte da USC os profesores Fernando Domínguez e Arturo López Quintela.

The contents of this page were updated on 10.29.2013.