Skip to main content

A USC celebra o Día da Ciencia en Galego cun orixinal programa de actividades

A USC celebra o Día da Ciencia en Galego cun orixinal programa de actividades
A USC celebra o Día da Ciencia en Galego cun orixinal programa de actividades
Alongarase durante toda a semana nos campus de Santiago e Lugo

Por terceiro ano consecutivo, a USC únese á celebración o 4 de novembro do Día da Ciencia en Galego, nesta ocasión centrada na Arte e a ciencia e na Estatística. En concreto, a xornada dedícaselle en Galicia ao arquitecto Richard Buckminster, á enfermeira Florence Nightingale e ao intelectual e artista galego creador de Sargadelos, Isaac Díaz Pardo. Continúase así co camiño comezado en 2010 coa campaña en tres fases de En galego tamén se fai ciencia organizada polas tres universidades galegas e continuado os pasados cun programa que se estendeu por centros dos campus de Santiago e Lugo e algúns non universitarios. Xincana e Isaac Díaz pardo nas bibliotecas A Biblioteca Intercentros do campus de Lugo e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC celebrarán o día 4, a partir das 19.00 horas, unha xincana bibliográfica centrada na vida e no legado das tres persoas ás que rende homenaxe este ano. A inscrición permanecerá aberta ata o vindeiro 31 de outubro. Trátase dun torneo limitado a un máximo de dez equipos que terán que resolver as actividades propostas polos organizadores relativas á localización de documentos impresos ou dixitais relacionados cos homenaxeados, tales como libros, vídeos, imaxes ou podcast e cuestións sobre trámites electrónicos de préstamo ou reserva de material. Tamén o día 4 e ata o venres 8 a Biblioteca Xeral de Santiago instalará o centro de interese ‘Isaac Díaz Pardo: arte, industria e comunicación’, unha pequena mostra bibliográfica seleccionada entre as máis de trescentas referencias que se poden atopar no catálogo do centro, á vez que abre un espazo virtual no seu blogue sobre este persoeiro. Conferencias divulgativas Do 4 ao 6 de novembro no Salón Nobre do Colexio de Fonseca persoal de diversos centros do Campus de Santiago impartirán ás 20:00 horas unha serie de conferencias divulgativas sobre cada unha das temáticas do Día da Ciencia en Galego 2013. O ciclo ‘Nunha relación aberta: Arte e Ciencia’ comeza o luns 4 coa intervención de Julián Flores, do Departamento de Electrónica e Computación, titulada ‘Dende o ordenador ao artista’. O martes será a quenda de Miguel Anxo Rodríguez, de Historia da Arte, que falará de ‘Sargadelos como lugar soñado: da arte á industria e viceversa’. Rematan estas charlas o mércores 6 co director da Orquestra do Espazo de Cámara da USC, Mario Diz, que explicará cómo a suma de música e matemáticas resulta en arte. Terminoloxía matemática A Facultade de Matemáticas acollerá os días 5 e 6 as xornadas de terminoloxía matemática ‘Comparte a beleza. A beleza dos números, a beleza das palabras’ na que diversos especialistas das tres universidades galegas disertarán acerca deste léxico científico e a súa problemática. Presentacións ‘Arte e ciencia’ na EPS Por último, o auditorio Isaac Díaz Pardo da Escola Politécnica Superior de Lugo acubillará o 6 de novembro, a partir das 11.45 horas, a xornada de presentacións ‘Arte e ciencia’ na que intervirán catro profesores do campus así como outros relatores convidados. O editor Xosé Ramón Fandiño abrirá a sesión co relatorio ‘Isaac Díaz Pardo, a patria enteira na memoria’. A persoa e a pegada de Florence Nightingale centrará a intervención do profesor da Escola de Enfermaría Isidoro Rodríguez. ‘Estética e semiótica da química: formulando con arte’ é o título da charla do profesor da Facultade de Ciencias Marcelino Maneiro, e pechará Xoán Carlos Carreira, profesor da Escola Politécnica Superior, con ‘Arte e ciencia na construción’. Visitas guiadas a laboratorios Un pouco antes do comezo da celebración desta xornada de divulgación científica, os centros do campus de Lugo manterán abertos ao público algúns dos seus laboratorios de 10.00 a 11.30 horas. O Hospital Veterinario Universitario Rof Codina e o laboratorio de Anatomía Patolóxica serán algúns dos espazos e servizos abertos na Facultade de Veterinaria, ao igual que os laboratorios da Facultade de Ciencias, onde está prevista a celebración dun obradoiro de robótica.

A Escola Politécnica Superior súmase aos actos coa celebración de obradoiros de condución de maquinaria con GPS e de medicións forestais así como visitas ao invernadoiro de prácticas.

The contents of this page were updated on 10.29.2013.