25 imaxes que visibilizan a muller
As 25 fotografías seleccionadas das case 100 presentadas ao III Certame de Fotografía Ruth Matilda Anderson expóñense dende este martes nunha mostra itinerante pola USC que inaugurou o reitor Casares na Facultade de Ciencias da Comunicación en presenza de, entre outras persoas, a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo, e o decano da Facultade, José Pereira Fariña. No acto entregáronse ademais os premios do certame. Manuel Alejandro Fernández López recolleu o primeiro, dotado con 1.000 euros e a satisfacción de que a súa imaxe, ‘ Revolución’, será a do cartel conmemorativo do Día Internacional das Mulleres en 2014. O segundo posto recaeu na fotografía ‘Evangelina’ de Jesús García Devesa e o terceiro en ‘Técnico e muller’ de José Marcelino Saavedra Martínez. O certame toma prestado o nome dunha muller que fixo un traballo importante nun campo tradicionalmente desenvolvido por homes, cunha destacable obra na que se inclúe a súa visión persoal da muller galega dos anos 20. Por iso a temática do concurso busca cuestións que teñan unha relación directa coa muller dende diversas perspectivas (visibilización do traballo, mulleres e ciencia, ruptura de estereotipos de xénero,...). Convocado pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade a través da Oficina de Igualdade de Xénero, o concurso está subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia co cofinanciamento do Fondo Social Europeo. O reitor Juan Casares inaugurou a mostra. Foto: Santi Alvite O reitor entregoulle o seu premio a un dos gañadores. Foto: Santi Alvite Público asistente ao acto inaugural. Foto: Santi Alvite