Revisan os cambios producidos nos métodos e orientacións de traballo na Historia Moderna
En 1973 a Universidade de Santiago acollía as I Xornadas de Metodoloxía Aplicada ás Ciencias Históricas, o que constituíu un punto de encontro das historiografías españolas e europeas, de maneira especial as francesas. As xornadas sentaron as bases do desenvolvemento das liñas máis innovadoras para un importante avance metodolóxico na investigación sobre Historia Moderna, non só en Galicia senón en toa España. 40 anos despois, a Facultade de Xeografía e Historia abriu as súas portas ao sétimo Coloquio de Metodoloxía Histórica Aplicada, centrado nas grandes seccións das xornadas primixenias, e que se estenderá ata este venres 8. O encontro reflexiona sobre os cambios historiográficos que nas últimas catro décadas se teñen producido nos métodos, nas novas orientacións e en todos aqueles aspectos que poñen de relevo a evolución do estudo da Historia Moderna neste período dentro e fóra de España, así como para reflexionar sobre o porvir inmediato nun contexto de crise. O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, presidiu a inauguración, na que tamén interviñeron o decano da Facultade, Juan Monterroso, e a catedrática de Historia Moderna, Ofelia Rey Castelao. Logo do acto inaugural, o profesor e impulsor das xornadas dende os seus inicios, Antonio Eiras Roel, pronunciou a lección inaugural. Está prevista ademais a intervención, entre outros, de Francis Brumont, da Universidade de Toulouse II; José Vicente Serrao, do Instituto Universitario de Lisboa; Carlos González Sánchez, da Universidade de Sevilla; Francisco García González, da Universidade de Castela A Mancha; Enrique Soria Mesa, da Universidade de Córdoba; Marcello Verga, da Universidade de Florencia; Alberto Marcos, da Universidade de Valladolid; Lucien Bély, da Universidade de París-Sorbonne; e María Angeles Pérez Samper, da Universidade de Barcelona. De esquerda a dereita, Juan Monterroso, Francisco Durán e Ofelia Rey. Foto: Servimav-USC