Skip to main content

Acto de entrega do XIII Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC

O Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC rexistrou na súa ultima edición de 2013 o número máis elevado de propostas presentadas a concurso, cun total de 404 ideas válidas. Esta convocatoria chega agora a súa fase final coa entrega de premios ás cinco mellores propostas nun acto que presidirá o reitor Juan Casares o vindeiro luns 11 ás 12.00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Xunto ao reitor intervirán ademais a secretaría xeral de Igualdade e presidenta do xurado do concurso, Susana López Abella; o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá; a subdirectora de Promoción Científica e Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mª Jesús Tallón; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; e o director do programa Uniemprende da USC, Carlos Hernández Sande. Como en anteriores edicións, o Concurso premiará aquelas emprendedoras e emprendedores que presentaron ideas innovadoras susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo. Nesta ocasión, co obxectivo de fomentar inquedanzas emprendedoras entre a comunidade feminina das universidades galegas, outorgaranse ás ideas presentadas por mulleres 3 dos 5 premios convocados, dotados cada un deles con 600 euros. Na elección das cinco ideas finais, o xurado valorou a viabilidade e factibilidade da idea, o seu carácter innovador e o grao de madurez, así como o seu mercado potencial ou a atención ás políticas de igualdade.

The contents of this page were updated on 11.08.2013.