Skip to main content

Máis de 600 titulados na USC optan ás 78 bolsas de prácticas en empresas e institucións europeas ofertadas no Europracticum VII

Máis de 600 titulados na USC optan ás 78 bolsas de prácticas en empresas e institucións europeas ofertadas no Europracticum VII
Máis de 600 titulados na USC optan ás 78 bolsas de prácticas en empresas e institucións europeas ofertadas no Europracticum VII
O proceso de selección dos candidatos beneficiarios comeza coas probas de idiomas, que se desenvolverán do 11 ao 15 de novembro nos campus de Lugo e Santiago

Máis de 600 titulados universitarios egresados dos distintos centros da Universidade de Santiago de Compostela desde o ano 2007 optan a unha das 78 bolas de prácticas profesionais remuneradas en empresas e/ou institucións europeas a través do programa Europracticum VII, un proxecto de mobilidade laboral e inserción no mercado de traballo dos titulados da USC que se encadra dentro do Programa Leonardo da Vinci da Unión Europea e que está promovido pola Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo en colaboración co Consello Social e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC

Unha vez rematado o prazo de inscrición nesta convocatoria e logo de comprobar que 661 das 901 solicitudes rexistradas cumpren todos os requisitos esixidos, o proceso de selección dos beneficiarios das 78 bolsas de prácticas profesionais ofertadas a través do Europracticum VII comezará a vindeira semana coa realización das distintas probas de idiomas (inglés, francés, alemán, portugués e italiano), que se desenvolverán do 11 ao 15 de novembro nos campus de Lugo e de Santiago. O calendario e os horarios das probas xa están dispoñibles para a súa consulta na web da Universidade de Santiago. A superación das probas de coñecemento de linguas estranxeiras é un requisito básico que deben cumprir os candidatos para seguir no proceso de selección do Europracticum VII, segundo recollen as bases desta convocatoria e tal como reiterou a técnico da Área de Orientación e Inserción Laboral da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Gloria Cruz Amil, que tamén é a responsable da xestión do programa Leonardo na Universidade de Santiago. Cruz Amil destacou que das 661 persoas admitidas para participar nesta nova edición do Europracticum, que permanecerá vixente ata o ano 2015, máis da metade (337) optaron por presentarse á proba de avaliación dunha soa lingua, mentres que os/as outros/as 324 aspirantes examinaranse de dous idiomas. O inglés, con 605 inscricións para facer o exame, é o idioma máis demandado polos titulados/as da USC que optan ás 78 bolsas do Europracticum VII. O portugués, con 133 solicitudes, e o francés, con 118, son as outras linguas máis demandadas polos/as aspirantes nesta convocatoria, na que tamén se contabilizaron 76 peticións para examinarse de italiano e 43, de alemán. A técnico da Área de Orientación e Inserción Laboral do campus de Lugo salientou asemade a crecente concienciación dos titulados da USC respecto da importancia do coñecemento de linguas en relación co mercado laboral. Daquela, cómpre dicir que arredor do 50% das candidaturas presentadas inclúen xa un certificado oficial de coñecemento de lingua segundo o Marco Común Europeo de Referencia (MECR). Cruz Amil salientou neste senso o importancia cambio experimentado nos titulados/as da USC que aspiran a bolsas do Europracticum, xa que “nos últimos catro anos pasamos dun déficit importante no que respecta ao coñecemento de linguas a unha situación totalmente distinta, na que a metade dos solicitantes xa acreditan ter coñecemento alto dunha lingua estranxeira e coñecemento aplicado dun segundo idioma”. Requisitos, duración das estadías, retribucións e destinos do Europracticum VII A nova convocatoria de prácticas laborais en empresas e institucións europeas a través do Europracticum VII, cuxa disposición orzamentaria acada os 340.000 euros, está aberta á participación daquelas persoas que acadaran unha titulación universitaria na USC desde xaneiro de 2007 ata setembro de 2013, ambos incluídos. As persoas candidatas a participar como bolseiros nesta sétima edición do Europracticum non poden ter máis dun ano de experiencia laboral relacionada coa súa titulación, ao tempo que deberán coñecer un idioma do país de destino. As persoas que xa gozaran doutra bolsa do Programa Leonardo da Vinci tamén quedarán excluídas desta convocatoria. O período de duración das estadías de prácticas profesionais remuneradas ofertadas prolongarase durante 24 semanas. A achega económica das bolsas destínase a sufragar os gastos de viaxe, aloxamento e manutención, mentres que a súa contía varía en función do destino. Así, a dotación das bolsas vai desde os 2.716 euros no caso de Turquía ata os 4.888 para os beneficiarios/as que completen as estadías laborais en Noruega. As prácticas ofertadas nesta convocatoria poderán desenvolverse en máis de 400 empresas e organizacións europeas e universidades emprazadas en calquera dos 27 estados membros da Unión Europea, así como nos países que xa teñen solicitada a súa adhesión (Croacia, Turquía, Islandia e a antiga república iugoslava de Macedonia). Estas estadías enténdense como complemento de formación, polo que o cometido a realizar polo bolseiro estará ligado coa súa titulación. O obxectivo primordial que pretende o Europracticum é que os titulados universitarios beneficiarios deste programa de mobilidade laboral por Europa adquiran novas competencias, coñecementos e cualificacións para mellorar o seu desenvolvemento persoal e profesional. A aprendizaxe de linguas estranxeiras e a mellora da cooperación entre o tecido empresarial e os centros de educación tamén figura entre os cometidos dun proxecto que botou a andar na USC no ano 2001. O éxito deste programa radica tanto no elevado nivel de inserción laboral que acadan os bolseiros, xa que un 40% dos beneficiarios do Europracticum reciben logo unha oferta laboral da empresa e/ou institución na que completaron as prácticas, como na calidade e relevancia dos destinos ofertados. Así, a técnico de orientación laboral do campus de Lugo e xestora do programa Europracticum, Gloria Cruz Amil, salienta que este programa “constitúe unha moi boa oportunidade de inserción laboral para os titulados da USC”. Nesta sétima edición do Europracticum participan como socios de acollida empresas e/ou institucións de máxima relevancia, como son British Museum, Tate Gallery, Entel UK, National Oceanographic Southampton, Oxfam Internacional, no caso do Reino Unido; Augas e Parque Biolóxico de Gaia, Fundaçao Calouste Goulbequian e Jardim Botanico de Ajuda, en Portugal; Unilever en Holanda ou o Trinity College en Irlanda. Euroécole e FF Solar enerxías renovables, en Francia, Fricke und Mallah Microwave Technology e Nal von Minden, de Alemaña, son outras das compañías que recibirán bolseiros do Europracticum VII. Unha vez que as persoas interesadas superen as probas de idioma ou, no seu caso, presenten a certificación oficial acreditativa do coñecemento do idioma estranxeiro en cuestión, os/as candidatas deberán completar un curso de habilidades sociais e técnicas empresariais, ademais dunha entrevista persoal coa que se remata este proceso de selección.

The contents of this page were updated on 11.08.2013.