A USC divulga a ciencia en galego nos centros non universitarios
Con motivo da celebración do IV Día da Ciencia en Galego este martes 12, a Coordinadora Galega de ENDL convidou a centros educativos non universitarios a participar en dúas videoconferencias impartidas polos docentes da USC Jorge Mira e María Pilar Aleixandre, que explicaron os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. Jorge Mira Catedrático da Área de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da USC, a actividade investigadora de Jorge Mira está centrada no estudo do magnetismo en sólidos e a nanotecnoloxía, e tamén de sistemas de falantes con idiomas en competición. Publicou numerosos traballos especializados en publicacións de prestixio, e desenvolve un importante labor divulgador en libros e nos medios de comunicación ademais de dirixir o programa ConCiencia. Nesta ocasión, o profesor Mira explicou ao alumnado de secundaria como fixeron na Grecia clásica para saber o tamaño do mundo que habitamos e calcular a distancia á lúa e o sol e os seus tamaños, usando tan só o bo hábito de observar con coidado o que nos rodea. Maria Pilar Aleixandre Doutora en Bioloxía e catedrática de Didáctica das Ciencias na USC, Maria Pilar Aleixandre é autora dunha extensa e premiada obra narrativa e poética. No seu encontro cibernético co estudantado de primaria, titulado ‘Benqueridos insectos’ deu conta da importancia desta clase de animais invertebrados para o ecosistema.