Skip to main content

O doutor Enrique Moreno, Premio Príncipe de Asturias, inaugura este mércores o XV Congreso Internacional de Cirurxía para Estudantes

Estudantes de Medicina de todo o mundo danse cita esta semana en Santiago para participar no XV Congreso Internacional de Cirurxía para Estudantes, que inaugura este mércores 13 no salón de actos da Facultade o doutor Enrique Moreno, Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica en 1999, pioneiro no campo dos transplantes en España e un dos cirurxiáns de referencia no ámbito europeo. A inauguración será ás 10.00 horas e nela participará o reitor Juan Casares. A continuación Enrique Moreno pronunciará a conferencia de apertura ‘Trasplante de intestino’. O encontro, que se prolongará ata o día 15 organizado polo Grupo Independente de Estudantes de Medicina (G.I.Me.), tratará diversas cuestións que van dende a cirurxía militar –coa intervención, o mércores 13 ás 12.00 horas, de médicos militares nunha mesa redonda– ata a pediátrica de vangarda pasando pola cirurxía de urxencia ou a plástica e mesmo cómo debería ser na actualidade a ensinanza da especialidade. As persoas que participen no congreso asistirán a tres días completos de coñecemento nos que expertos de renome de toda España achegarán as claves das distintas especialidades cirúrxicas. Ademais, terán a oportunidade de participar en diversos talleres prácticos que contribuirán a unha mellor formación do estudantado de Medicina.

The contents of this page were updated on 11.12.2013.