Skip to main content

Unha tese do Departamento de Ciencia Política gaña o Premio Instituto Nacional de Administración Pública 2013

Óscar Briones é o autor da tese ‘Factores determinantes na construción da función de recursos humanos autonómica: Galicia 2000-2012’
Óscar Briones é o autor da tese ‘Factores determinantes na construción da función de recursos humanos autonómica: Galicia 2000-2012’

O xurado do premio Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) 2013 acaba de premiar a tese ‘Factores determinantes na construción da función de recursos humanos autonómica: Galicia 2000-2012’ de Óscar Briones Gamarra, realizada no departamento de Ciencia Política e da Administración da USC baixo a dirección do profesor Ramón Bouzas Lorenzo. A tese de Óscar Briones, que conleva un premio en metálico e a súa publicación polo INAP, aborda o estudo da evolución do modelo de xestión de recursos humanos vixente no sector público autonómico galego en perspectiva comparada. O traballo profunda nas causas subxacentes que explicarían o patrón seguido polas políticas de recursos humanos, poñendo a atención na presión de factores estruturais e revelando a influencia de elementos máis elusivos, como a cultura organizativa, os circuítos de información ou as prácticas informais de organización interna do traballo. A tese premiada defende un modelo de xestión de recursos humanos estratéxico, comprometido coa superación das rixideces das políticas actuais a través dunha maior implicación dos empregados. Nesa liña, segundo Briones, a responsabilización do persoal, o seu desenvolvemento profesional e a énfase na súa significación social son claves para responder aos retos organizativos que impón un entorno de escaseza. En opinión do autor do traballo, precisaríanse, adicionalmente, doses de creatividade, valentía e persuasión.

The contents of this page were updated on 11.11.2013.