Skip to main content

A OIT-AVTE do campus de Lugo xestionou 5,4 millóns de euros por actividades de I+d+i en 2012, un 30% máis que en 2011

Lara Méndez, José María Pardo Montero, Juan Casares e Jesús Quintá, na firma do convenio
Lara Méndez, José María Pardo Montero, Juan Casares e Jesús Quintá, na firma do convenio
Caixa Rural Galega, Deputación de Lugo, CEL e USC renovan o convenio de promoción de tarefas de investigación e tecnoloxía , dotado con preto de 60.000 euros

A Universidade de Santiago de Compostela, Caixa Rural Galega, Confederación de Empresarios Lucenses (CEL) e Deputación Provincial de Lugo asinaron este mércores a renovación do convenio de colaboración para o mantemento da Oficina de Información Tecnolóxica - Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (OIT-AVTE) do campus de Lugo, un servizo dependente da Vicerreitoría de Investigación da USC que o pasado exercicio 2012 xestionou fondos por valor de 5.415.544 euros para o desenvolvemento de distintas tarefas de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i).

A renovación do convenio para o financiamento da OIT-AVTE do campus de Lugo, un acordo dotado dun orzamento de 59.500 euros, grazas a achega de 50.000 euros de Caixa Rural Galega, e a outra partida de 9.500 euros aportada pola Deputación de Lugo, mantén os obxectivos cos que naceu este servizo universitario en 1995. Daquela, esta oficina de Vicerreitoría de Investigación no campus de Lugo, que tamén recibe un apoio de carácter non monetario por parte da CEL, ten como principal finalidade a promoción de actividades de investigación tecnolóxica e a súa difusión no medio económico e social, a fin de favorecer a relación entre as actividades universitarias e as necesidades empresariais, segundo salientou o reitor Juan Casares no acto de firma de renovación do convenio. O presidente de Caixa Rural Galega, José María Pardo Montero; a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez, e o conselleiro executivo Jesús Quintá García, en representación da Confederación Empresarial Lucense (CEL), destacaron no acto de firma do convenio a necesidade da cooperación científica e tecnolóxica entre Universidade, institucións e empresas, ao tempo que se referiron á OIT-AVTE como un instrumento de conexión efectiva en materia de investigación entre o campus de Lugo da Universidade de Santiago, o tecido empresarial e a sociedade en xeral. O presidente da Caixa Rural Galega, José María Pardo Montero, salientou a predisposición da entidade que preside a manter esta colaboración coa Universidade de Santiago no futuro, ao tempo que remarcou a súa vontade de debater fórmulas e posibilidades para poder ampliar no futuro esta relación entre institucións públicas e privadas, tanto no que atinxe ao número de membros participantes, como ás contías económicas achegadas por cada unha das partes.

Xestión de fondos e actividades

Os fondos económicos xestionados pola oficina de Vicerreitoría de Investigación da USC no campus de Lugo no 2012, así como as distintas tarefas de I+D+i financiadas neste período, foron algúns dos datos explicados polo reitor da USC neste acto. Así, Casares lembrou que a OIT-AVTE xestionou o pasado ano 5.415.444 euros, un 30% máis que en 2011. Do total das partidas económicas captadas, 1.671.623 euros proceden de proxectos europeos, mentres que outros 1.715.468 euros son froito de contratos e convenios con entidades públicas e empresas, informes técnicos e contratos do Plan Galego con empresas. Os proxectos e as accións de I+D+i financiadas pola Xunta de Galicia tamén permitiron á OIT-AVTE do campus de Lugo captar en 2012 outros 1.669.138 euros, unha contía sensiblemente superior aos 359.315 euros recibidos ao abeiro de proxectos de I+D+i e outras actuacións do Plan Nacional. O número total de actividades de Investigación, desenvolvemento e innovación desenvolvidas na Universidade de Santiago e que contaron con financiamento a través dos fondos xestionados pola oficina de Vicerreitoría de Investigación no campus de Lugo ascende en 2012 a 289 accións. Asemade, cómpre lembrar que a actividade científica realizada durante este período tamén se traduciu na solicitude de catro patentes.

The contents of this page were updated on 11.13.2013.