A Asociación de Estudantes do Grao en Medicina analizará nunha charla o proceso de troncalidade
A Asociación de Estudantes do Grao en Medicina (AEGME) organiza unha charla informativa o vindeiro luns 18 sobre o proceso de troncalidade, denominación que recibe a reforma das especialidades de Medico Interno Residente (MIR), actualmente en proceso de negociación. A sesión celebrarase na Aula Magna do Aulario Roberto Novoa Santos a partir das 13.30 horas e o relator será o profesor do Departamento de Cirurxía da USC Miguel Gelabert. A troncalidade, termo que xorde en 2003 coa Lei de Ordenación das Profesións Sanitarias, consiste na determinación, a través dun programa oficial de formación especializada troncal, das competencias nucleares e comúns a varias especialidades, permitindo a súa agrupación en tramos formativos que reciben a denominación de troncos. O actual borrador distribúe as especialidade MIR en cinco troncos (Médico, Cirúrxico, Laboratorio e diagnose clínica, Imaxe clínica e Psiquiatría) así como especialidades non troncais. Segundo os promotores desta charla, os cambios no proceso de formación asociado ao programa MIR levan asociados maior duración do período de residencia, incertidume para a elección de prazas e cambios nas condicións laborais.