Skip to main content

Un seminario da USC sobre a conservación do oso pardo na serra do Courel reúne a 25 participantes

Participantes e organizadores do curso sobre grandes carnívoros e o caso do oso pardo na serra do Courel
Participantes e organizadores do curso sobre grandes carnívoros e o caso do oso pardo na serra do Courel
O programa dirixido por Antonio Rigueiro e Fernando Ballesteros desenvólvese ata o venres na Estación Científica do Courel
Lugo

‘A conservación de grandes carnívoros en áreas de expansión: O caso do oso pardo na Serra do Courel’ é o título do seminario estival organizado pola USC en colaboración coa Fundación Oso Pardo que se desenvolverá do 4 ao 6 de setembro na Estación Científica do Courel e no que formalizaron a súa inscrición 25 persoas. Os directores desta actividade formativa, dirixida polo catedrático da USC Antonio Rigueiro por Fernando Ballesteros, da Fundación Oso Pardo, inaugurarán este mércores, ás 9.00 horas, o curso, no marco dunha sesión na que tamén intervirán o deputado provincial responsable da área de Recursos Sostibles, Roberto Fernández, e Antonio Callejo Rey, en representación da Xunta de Galicia.

O seminario ‘A conservación de grandes carnívoros en áreas de expansión: O caso do oso pardo na Serra do Courel’ constitúe un programa de carácter eminentemente práctico e cun enfoque multidisciplinar, no marco do que diversos relatores afondarán sobre cuestión ligadas coa recuperación e a conservación das poboacións de grandes carnívoros cando chegan a zonas de expansión nas que estiveron ausentes desde moitos anos antes.

A análise da casuística particular da expansión experimentada nos últimos anos da oso pardo cantábrico cara a Serra do Courel, como consecuencia do crecemento continuado da súa poboación, e os retos de conservación derivados da súa presenza, así como as diversas técnicas e actuacións xa postas en marcha son algún dos temas a tratar no marco deste foro.

Este programa, cuxos organizadores contan co apoio económico da Deputación Provincial de Lugo, está dirixido a habitantes das serras orientais de Lugo e de Galicia, así como a profesores e estudantes dos diversos niveis educativos e tamén a todos os profesionais implicados en tarefas de conservación da natureza, técnicas de empresas e administración e, en definitiva, a todas as persoas preocupadas pola conservación do medio natural.

Programa

Os primeiros relatorios do programa seminario estival da USC abordarán cuestións relacionadas coa convivencia entre osos e humanos e cos conflitos asociados coa presenza de grandes carnívoros. Os ambientes ecolóxicos da Serra do Courel e os seus recursos tróficos e aspectos bioxeográficos completan a temática da primeira xornada do curso, que rematará cunha visita guiada pola Serra do Courel.

A procura de indicios de oso e o coñecemento das técnicas de seguimento e do hábitat deste gran carnívoro centrarán as sesións matinais programadas para o 5 de setembro, unha xornada na que tamén se desenvolverán obradoiros de natureza cultura en colaboración coa Fundación Uxío Novoneyra e unha sesión sobre custodia do territorio e de conservación do oso pardo.

Os temas a tratar na xornada de clausura deste seminario abranguen desde a análise dos retos que depara a expansión do oso pardo, do cometido das administración e do efecto dinamizador que produce en espazos rurais a recuperación e a presenza tanto do oso pardo como doutras especies, tales como o é o lince ibérico.

Autoridades participantes na apertura do curso

The contents of this page were updated on 03.18.2021.