Skip to main content

A recuperación da memoria histórica, a debate desde este luns na Facultade de Humanidades, no marco da Xornada Sargadelos

Rodríguez Fer, Charo Portela e Carmen Blanco abren esta tarde a quenda de relatorios, que pecharán o martes Xosé Ramón Fandiño e Elena Freire

A memoria, o seu recordo e a súa recuperación serán os eixos temáticos da Xornada Sargadelos: a recuperación da Memoria Histórica, un foro de debate aberto ao público, que comezará a desenvolverse este luns, a partir das 16.00 horas, e continuará o martes 17 de novembro, tamén en quenda de tarde, no salón de graos da Facultade de Humanidades.

A vicexerenta do campus de Lugo, Carmen Varela Prado; a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, e a profesora do Departamento de Filoloxía Galega da USC, Carmen Blanco, inaugurarán esta tarde, a partir das 16.00 horas, no salón de graos da Facultade de Humanidades, esta xornada, que comezará, acto seguido, co relatorio ‘Isaac Díaz Pardo e a memoria integral’, a cargo de Claudio Rodríguez Fer. O labor cultural do Instituto Galego de Información centrará esta tarde a intervención da investigadora Charlo Portela. Ao seu remate, a profesora Carmen Blanco pechará esta primeira sesión da Xornada Sargadelos cun relatorio baixo o título ‘Isaac Díaz Pardo. Memoria das causas xustas’. Xosé Ramón Fandiño abrirá o martes, a partir das 16.00 horas, no salón de graos da Facultade de Humanidades, a derradeira sesión desta xornada cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘Isaac Díaz Pardo. A patria enteira na memoria’. A profesora Elena Freire pechará a quenda de intervencións co relatorio ‘Onde hai forma hai alma. Da olería tradicional á cerámica de vangarda’, trala que se abrirá un coloquio cos asistentes.

The contents of this page were updated on 11.18.2013.