A USC e a RAG coeditan un manuscrito inédito e autógrafo de Emilia Pardo Bazán

A Universidade de Santiago e a Real Academia Galega (RAG) coeditarán a obra Emilia Pardo Bazán: apuntes de un viaje. De España a Ginebra (1837). Edición facsimilar, o que suporá a posta en valor do manuscrito inédito e autógrafo que se atopa entre os fondos da RAG. O reitor Juan Casares e o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, asinaron o acordo de colaboración que vincula ás dúas institucións neste proxecto común. A obra estará finalizada entre finais deste ano e comezos de 2014 composta dun estudo introdutorio, orixinal e escrito para esta edición polo catedrático de Literatura Española da USC José Manuel González Herrán, seguido da reprodución facsimilar do manuscrito, a transcrición anotada do texto orixinal e outros textos auxiliares ou apéndices que, de ser o caso, o profesor González Herrán considerase oportuno engadir. Este obra será ademais a primeira coedición dixital nativa que acomete a Universidade de Santiago. Así, o volume editarase na modalidade de edición dixital en acceso aberto gratuíto e estará aloxada no repositorio institucional da USC Minerva. Actualmente, o Servizo de Publicacións traballa no deseño, preparación, maquetación e marcaxe dixital da obra e do seu aloxamento en Minerva. A sinatura protocolaria do acordo desenvolveuse na sede da Real Academia Galega