Skip to main content

Unha estación meteorolóxica automática vixía dende Xeografía e Historia as características da atmosfera na cidade

Detalle da ubicación do novo modelo David Vue instalado en Xeografía e Historia
Detalle da ubicación do novo modelo David Vue instalado en Xeografía e Historia

No mesmo lugar onde se instalara a primeira estación meteorolóxica de Galicia en 1849, a Facultade de Xeografía e Historia e o Departamento de Xeografía acaban de instalar unha estación meteorolóxica automática, modelo Davis Vue. Dende a terraza deste centro compostelán, a estación recolle os datos relativos a temperatura, humidade, vento, precipitación e presión de forma continuada para almacenalos cada dez minutos. A información obtida dende esta estación, tanto os datos a tempo real como os gráficos elaborados cos valores almacenados, poden consultarse libremente na web do Departamento de Xeografía (www.usc.es/xeograf). Como explican os seus promotores, a iniciativa ten dobre finalidade: ofrecer un servizo á sociedade, subministrando información en tempo real sobre as características da atmosfera no centro da cidade, e servir de apoio á docencia e á investigación que se leva a cabo no Departamento de Xeografía. A xestión desta nova instalación e da base de datos corresponde aos profesores Dominic Royé e Alberto Martí. Precursora

A nova estación tivo como precursora á primeira estación meteorolóxica instalada en Galicia en 1849, formando parte da rede que o antigo instituto Nacional de Meteoroloxía (na actualidade AEMET) comezou a desenvolver nas principais cidades de España a mediados do século XIX. Aquela primeira estación rexistrou as principais variables atmosféricas de Santiago durante 50 anos, para ser trasladada ao Campus Sur a comezos do século XX. Na actualidade atópase emprazada no Observatorio Astronómico Ramón María Aller.

The contents of this page were updated on 11.19.2013.