Skip to main content

O Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial e o Centro de Supercomputación de Galicia xuntarán esforzos na busca de respostas ás demandas das empresas

De esquerda a dereita, Peregrina Quintela, Francisco González, Manuel Varela e Javier García. Foto: CESGA
De esquerda a dereita, Peregrina Quintela, Francisco González, Manuel Varela e Javier García. Foto: CESGA

O vicerreitor de Investigación e Innovación Francisco González, en calidade de presidente do Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), asinou este luns 28 un convenio marco de colaboración co presidente do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), Manuel Varela Rey. O acto protocolario celebrarase na sede do Cesga e contou coa participación tamén da directora de Itmati e catedrática da USC Peregrina Quintela e do director xerente do Cesga, Javier García Tobío. CESGA e ITMATI pretenden dar maior impulso ás actividades de transferencia de coñecemento e tecnoloxía á industria e ás administracións que ambas entidades realizan. Este novo marco de colaboración contribuirá á posta en valor das capacidades de innovación dos grupos de investigación universitarios a través da súa contribución e resposta ás necesidades e demandas das empresas. O convenio prevé a execución de proxectos e programas de transferencia, investigación e desenvolvemento; a cooperación en programas de formación de persoal no sector empresarial ou público; a participación conxunta en convocatorias competitivas de ámbito autonómico, estatal ou internacional; a organización e execución de actividades comúns relacionadas coa promoción social e empresarial da transferencia de tecnoloxía, a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico; o intercambio de persoal ou o asesoramento mutuo. A constitución en febreiro deste mesmo ano do Itmati supuxo un importante fito de agregación de recursos entre as tres universidades galegas, a través dun total de nove grupos de investigación en Matemática Aplicada, Estatística e Investigación Operativa, para promover a transferencia da tecnoloxía matemática e dar respostas eficaces e áxiles ás demandas das empresas, industrias e das administracións públicas. A súa misión principal consiste en contribuír ao fortalecemento e potenciación da competitividade no contorno industrial e empresarial, apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación e o desenvolvemento de tecnoloxía matemática avanzada orientada á transferencia á industria.

Nesta mesma liña, o Cesga é un organismo cunha traxectoria de vinte anos que traballa na investigación, o fomento e a difusión de servizos de cálculo intensivo e comunicacións avanzadas ás comunidades investigadoras galega e do CSIC, así como a empresas e institucións. Este centro foi recoñecido como Infraestrutura Científico Tecnolóxica Singular do Estado.

The contents of this page were updated on 10.28.2013.