Skip to main content

O teatro, outra vía de participación para o IV Ciclo Universitario

Participantes no taller de iniciación á arte dramática dirixido ao IV Ciclo Universitario
Participantes no taller de iniciación á arte dramática dirixido ao IV Ciclo Universitario
Unha ducia de estudantes sénior participan no campus de Lugo nun taller de iniciación á arte dramática no que traballan o coñecemento do corpo e da voz

O teatro ten tirón entre o alumnado de IV Ciclo Universitario, tal e como o demostra o salientable número de membros deste colectivo universitario sénior inscritos no taller de iniciación á interpretación da arte dramática que comezou a desenvolverse este mes no campus de Lugo e no que participan 12 persoas.

Este taller de teatro, pioneiro no campus de Lugo e impartido por Paloma Lugilde, pretende, entre outros cometidos, potenciar o asociacionismo e a participación activa dos universitarios de cuarto ciclo, ademais de servir de complemento da súa actividade formativa no campus de Lugo. A formación, o adestramento e a expresividade corporal, o movemento, co coñecemento do corpo, as posturas corporais e a escoita do propio corpo, son algúns dos dos contidos que están a traballar os alumnos/as nas primeiras sesións deste taller, que se prolongará ata finais do mes de novembro. Do mesmo xeito que o control, o coidado e o coñecemento do corpo, este taller de iniciación ao teatro dirixido ao cuarto ciclo universitario tamén traballa na mellora dos procesos de respiración e vocalización. Asemade, as persoas inscritas nesta actividade tamén traballarán actividades para eliminar tensións, correxir erros de articulación... As sesións deste taller de teatro son auténticas xornadas de convivencia e de superación, segundo indica Paloma Lugilde, quen destaca a implicación deste grupo de alumnos e alumnas. O curso rematará cunha pequena intervención teatral, avanzou Lugilde, quen lembrou que esta actividade xurdiu logo dunha proba pouco menos que experimental celebrada hai xa dous anos co gallo de preparar unha montaxe teatral para o acto de clausura do curso de IV Ciclo. Lugilde sinalou asemade que esta grupo aberto e crecente de persoas que se achegan ao teatro a través deste taller de iniciación poderán logo incorporarse á compañía de teatro da USC no campus de Lugo ou incluso conformar un grupo independente, integrado exclusivamente por persoas do IV Ciclo Universitario.

The contents of this page were updated on 10.17.2013.