Skip to main content

O investigador Alejandro Ramos é un dos galardoados cos premios de investigación da Deputación de Pontevedra

O investigador Alejandro Ramos é un dos galardoados cos premios de investigación da Deputación de Pontevedra
O investigador Alejandro Ramos é un dos galardoados cos premios de investigación da Deputación de Pontevedra

O investigador da USC Alejandro Ramos Soto foi galardoado cun dos Premios de Investigación que cada ano concede a Deputación de Pontevedra, unha iniciativa para promover e estimular o coñecemento científico na provincia. O premio recoñece a achega do investigador a área das novas tecnoloxías, co seu traballo ‘Computación flexible para a mellora dos sistemas de información meteorolóxica de Galicia’, e será entregado este xoves, ás 20:00, no salón de actos da Deputación Provincial. O traballo premiado céntrase na creación de descricións lingüísticas a partir de datos numéricos, seguindo a liña de investigación desenvolvida na tese ‘Computación con percepcións para a descrición lingüística de procesos complexos a través da análise de series temporais de datos’, que o investigador desenvolve no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información. Este campo de estudo aborda a problemática de explicar en linguaxe común as complexas series de números derivadas dos cálculos efectuados en disciplinas como a meteoroloxía, onde cada día se tratan inxentes cantidades de datos que permiten facer predicións a curto e medio prazo. Estas predicións realízanse despois de descifrar a información tirada dos cálculos numéricos. Non obstante e como explica Alejandro Ramos, á hora de xerar descricións a máquina non é quen de traducir todos eses datos á linguaxe natural que os faga comprensibles, polo que segue sendo necesaria a intervención humana no proceso. Isto impón unha serie de limitacións ao sistema, como a obriga de restrinxir o ámbito da predición ao conxunto do territorio da Comunidade Autónoma, xa que sería inviable multiplicar o número de predicións polo total de concellos (no caso de Galicia, 314). Para superar esta barreira e mellorar a plataforma web que serve estes datos aos usuarios, o traballo do investigador da USC presenta un algoritmo que permite traducir en texto, de xeito completamente automático, a información numérica. En opinión de Alejandro Ramos isto facilitará a implementación desta nova ferramenta en servizos como MeteoGalicia, que xa mostrou o seu interese pola tecnoloxía desenvolvida no estudo, de cara a ofrecer diariamente aos seus usuarios predicións meteorolóxicas especificas do ámbito local.

The contents of this page were updated on 10.10.2013.