Skip to main content

Medicina celebrou a festividade do seu patrón homenaxeando aos médicos rurais

Ao remate do acto académico, o reitor descubriu unha placa conmemorativa desta homenaxe aos médicos rurais. Foto: Servimav-USC
Ao remate do acto académico, o reitor descubriu unha placa conmemorativa desta homenaxe aos médicos rurais. Foto: Servimav-USC

A Facultade de Medicina celebrou este venres 18 a festividade do seu patrón, San Lucas, nunha sesión na que o centro compostelán homenaxeou aos médicos rurais a través da lembranza de Manuel Reimóndez Portela, “médico, escritor e político” con motivo do vixésimo aniversario da publicación de Un médico na aldea. A xornada comezou na Biblioteca da Facultade, onde o reitor Juan Casares presidiu o descubrimento dunha placa en agradecemento aos doutores Luciano García Alén, Manuel Fuster Siebert, Jesús Suárez López, Benito Candanedo Gutiérrez, Conchita Otero Carreira e Manuel Lorenzo Abella por ter doado as súas respectivas bibliotecas ao centro compostelán. A continuación, no Salón de Actos da Facultade de Medicina, comezou a sesión ‘Homenaxe aos médicos rurais’ personalizada en Manuel Reimóndez Portela. Nela, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, introduciu a conferencia de Xosé Neira Vilas titulada ‘Manuel Reimóndez Portela, paradigma de médico rural’. Seguíronlle as intervencións do presidente da Sociedade Galega de Medicina Xeral, Carlos Bastida; do representante do Consello de Colexios Médicos de Galicia, José Ignacio Vidal Pardo; do presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, José Carro Otero; do decano da Facultade, Juan Gestal; e do reitor Juan Casares que clausurou a xornada. Como punto final a esta homenaxe descubrirase unha placa conmemorativa no claustro baixo do centro.

The contents of this page were updated on 10.18.2013.