Skip to main content

A exposición fotográfica ‘Camiño de Santiago e identidade europea’ poderá visitarse en Fonseca ata o 30 de setembro

A mostra fai un percorrido polos Camiños de Santiago na súa consideración de ‘Primeiro itinerario cultural europeo’, tal e como foron declarados en 1987 polo Consello de Europa
Santiago de Compostela

A exposición fotográfica ‘Camiño de Santiago e identidade europea’ exporase entre este venres 19 e o 30 de setembro no Colexio Fonseca. A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, preside este venres 19 o acto inaugural a partir das 20.00 horas no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca e nel tamén participaa o presidente da Asociación Xacobea de Franconia, Joachim Rühl; o vicepresidente da Asociación Católica Educativa do Obispado de Ratisbona, Gregor Tautz; o director da Asociación Católica Educativa do distrito de Cham, Michael Neuberger; e o xestor cultural do Centro de Estudos Hispánicos da Universidade de Ratisbona, Pedro Álvarez Olañeta.

Esta é unha mostra fotográfica que fai un percorrido polos Camiños de Santiago, na súa consideración de ‘Primeiro itinerario cultural europeo’ tal e como foron declarados en 1987 polo Consello de Europa e que constitúen dende hai máis dun milenio expresión vida da identidade europea. A entrada será gratuíta e poderá visitarse de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

Tras a desaparición do chamado ‘Pano de Aceiro’ en 1989 reaviváronse as conexións entre Pilsen, Capital Europea de 2015 (República Checa), e Ratisbona (Alemaña) xurdindo así novas relacións, como os irmanamentos entre as dúas cidades, os seus bispados e universidades, incluíndo os centros culturais españois que existían previamente nelas. Poucos anos despois, en 2004, a Asociación Xacobea de Franconia marcou o tramo do Camiño Oriental de Baviera, no sur de Alemaña, dende Ratisbona ata o paso fronteirizo de Eschlkam/Všeruby e a Asociación Xacobea checa ‘Ultreia’, sinalizou o Camiño desde Praga ata a fronteira checo-alemá. Dende entón, unha e outra vez, individualmente ou en grupos, os peregrinos de ambos países emprenden o Camiño nas dúas bandas da fronteira. Moitas das imaxes da exposición tomáronse durante unha peregrinación checo-alemá con motivo do Día dos Católicos en 2014.

The contents of this page were updated on 12.30.2019.