Skip to main content

O humorista Anxo Lamelo e a cantautora María Xosé Silvar ‘Sés’ actúan este venres na Casa do Saber no ‘Proxéctate en galego’

Tito Calviño e Sés
Tito Calviño e Sés
O espectáculo cómico e musical, que demostra as posibilidades do galego no eido artístico, comezará ás 19.45 horas e a entrada será de balde para todo o público

A cantautora María Xosé Silvar ‘Sés’, acompañada á guitarra de Tito Calviño, e o humorista Anxo Lamelo, ofrecerán esta tarde, partir das 19.45 horas, un espectáculo cómico e musical no auditorio da Casa do Saber de Lugo, no marco do programa ‘Proxéctate en galego’.

Esta sesión artística, que será de balde para todo o público interesado en asistir, servirá de colofón á primeira xornada deste nova edición de ‘Proxéctate en galego’. Este foro promovido pola USC e dirixido aos membros da comunidade universitaria, aínda que aberto a toda a cidadanía, que pretende descubrir como o galego, ademais dunha lingua viva e dinámica, non supón ningunha barreira no mundo académico nin profesional, senón unha oportunidade para a ciencia e tamén para a cultura.

A iniciativa universitaria ‘Proxéctate en galego 2013’ responde a un programa formativo e divulgativo que está estruturado en diversos relatorios e táboas redondas, nas que distintos relatores abordarán o uso do galego no tempo de lecer, as actitudes lingüísticas da poboación fronte á lingua ou o poder do consumidor para cambiar o mundo á hora de facer a compra. Trátase pois dun foro aberto que, empregando o galego como lingua vehicular, convida aos asistentes a reflexionar sobre cuestións relativas ao consumo responsable, a produción sustentable o uso do galego nos tempos de lecer, a aptitude dos galegos diante da súa lingua ou o patrimonio cultural.

Programa das xornadas

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, o deputado provincial delegado das áreas de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, e a profesora do Departamento de Patoloxía Animal da USC e coordinadora da comisión de normalización lingüística da Facultade de Veterinaria, Marta López Alonso, inaugurarán este venres 18 de outubro, a partir das 16.30 horas, no auditorio da Casa do Saber, a segunda edición do foro da USC Proxéctate en galego 2013, un programa que rematará o domingo 20 cunha visita e distintos relatorios na torre fortaleza de San Paio de Narla, no concello de Friol.

Unha táboa redonda sobre o galego nos tempos de lecer, na que intervirán como relatores Ana García Liñares, de Argallando educación e tempo libre; Paco Veiga García, da Asociación Galega de Xogo Popular e Tradicional; o promotor de Galeoke e outros proxectos TIC, Xabier Seixo, e a música e compositora María Xosé Silvar ‘Sés’, abrirá as sesións do foro a partir das 17.00 horas deste venres. Ao remate desta sesión, o responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC no campus de Lugo, Xusto Rodríguez, presentará o novo espazo web de Proxéctate en galego.

Un relatorios sobre as actitudes lingüísticas da poboación galega, a cargo de Xaquín Loredo, do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, abrirá, a partir das 10.00 horas, a segunda xornada deste foro, que inclúe, en quenda de mañá, a táboa redonda ‘As galegas e os galegos diante da lingua’, que será moderada por Carmen Blanco e na que intervirán tres profesores de ensino secundario.

O programa do sábado continuará en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas, co relatorio ‘ Lingua galega e alternativas sustentables de produción, distribución e consumo de alimentos e outros produtos’, a cargo de Miguel Pardellas Santiago, da Sociedade Galega de Educación Ambiental. Unha táboa redonda sobre consumo consciente de bens e servizos, na que intervirán Noa Estévez, da cooperativa de consumo Eirado; Marta Pérez Freire, de A Cova da Terra, e Xabier Gómez Santiso, de Fiare-Galiza banca ética, servirá de peche á xornada.

‘Proxéctate en galego 2013’ chegará ao seu fin o domingo cunha visita guiada ao museo fortaleza de San Paio de Narla. Logo de facer un percorrido polas instalacións, o profesor da USC Manuel Gago falará sobre o patrimonio cultural como ferramenta de vertebración e empoderamento das comunidades locais en Galicia. Ao seu remate, José María Carricoba e Blanca Castro, autores do blog Friol, algo máis que pan e queixo, intervirán nunha táboa redonda sobre o patrimonio por descubrir.

The contents of this page were updated on 10.17.2013.