Skip to main content

Trinta anos da Lei de normalización lingüística de Galicia

Desenvólvense a vindeira semana na USC as quintas xornadas ‘Educación e Linguas en Galicia’

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Normalización Lingüística da USC convidan a reflexionar sobre o alcance dos 30 anos da Lei de normalización lingüística e coñecer as posibilidades que abriu en todos os eidos nunhas xornadas a desenvolver os días 25 e 26 de outubro na facultade no Campus Sur. As V Xornadas ‘Educación e Linguas en Galicia’ –recoñecidas cun crédito ECTS para todos os graos– diríxense ao alumnado e o PDI das titulacións impartidas en Ciencias da Educación, así como da USC en xeral e profesorado do sistema educativo galego non universitario. O prazo de inscrición está aberto ata o 22 de outubro. Para analizar a implementación da Lei de normalización lingüística, coñecer e valorar a acción institucional, estudar os avances producidos dende a iniciativa individual e colectiva e valorar a necesidade dunha nova lei, os dous días das xornadas reunirán a especialistas do eido universitario ou xudicial e mesmo empresarial e deportivo. O programa contempla unha charla da maxistrada do Xulgado do Social de Lugo Dalila Dopazo sobre o cumprimento da lei e mesas de experiencias sobre educación. Ademais, estudarase o galego en diversos ámbitos sociais como o deportivo, o empresarial ou o dos medios de comunicación.

The contents of this page were updated on 11.17.2023.