A USC recoñece con ata catro créditos ECTS o desenvolvemento das distintas actividades ofertadas nas súas escolas deportivas

A Universidade de Santiago de Compostela recoñecerá con ata catro créditos ECTS o desenvolvemento e a práctica por parte do seu estudantado das distintas actividades e disciplinas ofertadas nas súas escolas deportivas, tal e como se puxo de manifesto este mércores no acto de presentación da oferta deportiva da USC no campus de Lugo para o presente curso académico 2013-2014, celebrado na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación.o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo.
O vicerreitor Pedro García Herradón; o director do Servizo de Deportes da USC, Miguel Magán, e o responsable do servizo na sede universitaria luguesa, Jesús Castro, que participaron na presentación da oferta deportiva da USC, informaron sobre as distintas disciplinas e prácticas deportivas ofertadas no campus de Lugo, que un ano máis mantén operativas escolas físicas e deportivas de acondicionamento físico, danza oriental, GAP, esgrima, ioga, pilates, squash, xadrez, mantemento+aeróbic+step, e ximnasia de mantemento. Esta ampla oferta de disciplinas e prácticas que ofrecen as escolas deportivas e de lecer da USC no campus de Lugo deuse xa a coñecer ao público durante as xornadas de portas abertas que remataron o pasado 13 de outubro e que permitiron a un bo número de persoas achegarse e participar nas actividades programadas. O prazo de inscrición na oferta deportiva da USC, dirixida especialmente aos membros da comunidade universitaria, pero aberta tamén á participación do estudantado preuniversitario e tamén do resto da cidadanía en xeral, aínda segue aberto, a pesar de que xa hai grupos pechados. A Universidade de Santiago de Compostela tamén mantén aberto ata o vindeiro 31 de outubro a inscrición nas ligas internas de baloncesto masculino e feminino, fútbol masculino, fútbol 7 masculino e feminino, fútbol sala masculino e feminino, rugbi masculino e feminino e voleibol mixto. Asemade, a semana que vén abrirá o prazo para que os membros da comunidade universitaria interesados/as se inscriban no circuíto de carreiras populares ‘Corre con nós’, organizado polo Concello de Lugo. As persoas interesadas en participar da oferta deportiva programada no campus lugués pola Universidade de Santiago a través das escolas deportivas poden inscribirse na web http://www.usc.es/gl/servizos/deportes/santiago/actividades/matricula.html, logo de darse de alta como usuario/a de deportes da USC. Estatísticas de usuarios O Servizo de Deportes da Universidade de Santiago rexistrou o pasado curso 2012-2013 un total de 10.341 usuarios. Do total das inscricións rexistradas o pasado curso nas escolas deportivas e de lecer da USC, preto de 600 correspondéronse con algunha das actividades programadas no campus de Lugo, segundo indicou Jesús Castro, que tamén salientou que o perfil dos usuarios/as do servizo de deportes do campus lugués é maioritariamente feminino, mentres que o número de persoas toman parte na programación de actividades desenvolvida tamén se mantén estable nos últimos anos, comentou. Respecto do perfil dos usuarios do Servizo de Deportes da USC, as estatísticas relativas ao pasado curso académico, indican que a maior parte das inscricións corresponden a estudantes de grao e posgrao, aínda que tamén se contabiliza un destacado número de docentes e persoal de administración e servizos. A participación na oferta deportiva da USC do colectivo estudantil preuniversitario e da cidadanía allea á institución académica é aínda minoritaria, a pesar de que cada vez son máis as persoas que gozan deste servizo universitario. O director do Servizo de Deportes da USC, Miguel Magán, aproveitou a presentación da oferta deportiva da USC no campus de Lugo para agradecer a colaboración recibida pola USC da Deputación e do Concello de Lugo, que, ano tras ano ceden as instalacións deportivas nas que se desenvolven boa parte das competicións, así como da Xunta de Galicia. Asemade, Magán indicou que o Servizo de Deportes da USC busca coa súa actividade o fomento de hábitos saudables entre a poboación, así como a progresiva integración das prácticas deportivas no conxunto de actividades educativas.
Magán tamén lembrou que as persoas inscritas nas escolas deportivas, así como nas ligas internas da USC poden resultar seleccionadas para formar parte do equipos da Universidade de Santiago que representen á institución académica na vindeira edición dos campionatos galegos interuniversitarios, un torneo no que participan as distintas seleccións e equipos das universidades de Santiago, Coruña e Vigo, así como nos Xogos Galaico-Durienses, cuxa próxima edición terá lugar o 19 e 20 de novembro de 2013 en Tomiño e Vila Nova de Cerveira, en Portugal.