Skip to main content

López Mayagoitia guía esta semana un ciclo de relatorios e un obradoiro de patoloxía respiratoria en Veterinaria

O profesor do Atlantic Veterinary College, considerado un dos mellores especialistas en patoloxía do sistema respiratorio en veterinaria, visita nunha estadía o campus de Lugo

O profesor de Anatomía Patolóxica no Departamento de Anatomía e Microbioloxía do Atlantic Veterinary College da Universidade Prince Edward Island de Canadá, o investigador mexicano Alfonso López Mayagoitia, ofrecerá a próxima semana un ciclo de relatorios e un taller práctico sobre patoloxía respiratoria en animais na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo.

López Miyagoitia, que no eido da veterinaria está considerado como un dos mellores especialistas no plano internacional en patoloxías dos sistemas respiratorios, completará unha estadía no campus lugués logo de ser convidado polos investigadores do Grupo de Anatomía Patolóxica Veterinaria do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da Universidade de Santiago. Este prestixioso investigador e recoñecido docente, que tamén é coordinador de programas internacionais do Atlantic Veterinary College, aproveitará a súa estadía en Lugo para ofrecer tres relatorios, a través dos que dará a coñecer boa parte da súa dilatada experiencia profesional. O primeiro dos relatorios programados ao abeiro deste ciclo organizado polo Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias terá lugar o luns, día 28 de outubro, a partir das 16.30 horas, na sala de Xuntas da Facultade de Veterinaria, e desenvolverase baixo o título ‘Cooperación internacional entre profesores universitarios’. López Mayagoitia falará o martes, á mesma hora e no mesmo escenario, das claves para facer unha boa presentación en público. O relatorio ‘Neumonías en bovinos: 50 anos de investigación’ pechará o mércores 29 a quenda de intervencións abertas ao público do profesor López Mayagoitia.

Este docente e investigador mexicano aproveitará a súa presenza no campus de Lugo para manter distintas reunións de traballo encamiñadas á busca de acordos e posibles convenios para o intercambio de estudantes. Asemade, López Mayagoitia impartirá un obradoiro sobre patoloxía respiratoria, no que intervirán profesores e investigadores da Facultade de Veterinaria, centrado nas lesións alveolares pouco comúns en patoloxía diagnóstica.

The contents of this page were updated on 10.25.2013.