Un seminario internacional estudará a onda de violencia da ‘nova esquerda’ revolucionaria en América Latina e Europa
Partindo do estudo das ondas da violencia revolucionaria proposta por David C. Rapoport, a USC acollerá os días 18 e 19 de novembro un encontro académico en torno ás orixes, desenvolvemento e declive da ‘nova esquerda’ revolucionaria en América Latina e Europa, que o autor sitúa entre os anos sesenta e oitenta do século XX. O seminario internacional ‘A onda revolucionaria da nova esquerda en América Latina e Europa’, a desenvolver no Centro de Estudos Avanzados, propón un debate de alta especialización con prestixioso persoal investigador sénior. Os asistentes profundarán nos nexos entre organizacións e grupos en e entre ambos os dous continentes no referido á difusión de ideas e repertorios de acción; a colaboración, axuda ou solidariedade entre organizacións tanto latinoamericanas como europeas; e as perspectivas comparadas que permitan atopar posibles patróns comúns de xurdimento, desenvolvemento e desaparición de grupos armados dentro da onda da ‘Nova Esquerda’. Rede internacional A primeira xornada do encontro dedicarase a traballar nas perspectivas transnacionais na investigación da violencia política. Xa o día 19 todos os asistentes estudarán a posibilidade de crear unha rede que serva de espazo común de investigación entre América Latina, Europa e Estados Unidos dedicada ao estudo comparado da violencia política e a mobilización revolucionaria entre 1960 e 1990.