Skip to main content

Transferir I+D das universidades ao tecido produtivo para crecer de maneira intelixente

A análise nunhas xornadas organizadas pola Fundación CEER

Universidades como líderes na xeración de patentes no seu territorio e creadoras de novas posibilidades para a economía competitiva e sustentable. Desta premisa parten as xornadas que organiza a Fundación CEER –que dirixe o profesor da USC Rubén Lois– e na que participan varios responsables da Universidade de Santiago. O encontro desenvólvese este luns 28 e o 29 nos campus universitarios de Vigo e de Gualtar (Braga), respectivamente, baixo o título ‘I Xornadas de reflexión: por un crecemento intelixente na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: a transferencia de coñecemento (I+D+I) das universidades ao tecido produtivo no marco da estratexia 2020 da UE’. Colaboran coa Fundación as Universidades de Santiago, Vigo, Braga, Porto, A Coruña e Trás-os-Montes e Alto Douro, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal e a Xunta de Galicia. O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, é o encargado de impartir a conferencia inaugural na que explicará a estratexia de desenvolvemento da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) na Europa universitaria e nas macrorrexións. A continuación terá lugar un debate no que falarán dos centros de excelencia nas universidades de Galicia e do norte de Portugal o director xeral de Gradiant, Fernando Pérez; o director do CIMUS da USC, Carlos Diéguez; a directora de Atlantic, Nuria González; e o investigador do gripo centro 3Bs da Universidade do Miño, Nuno Sousa. As xornadas continúan en Vigo analizando as demandas dos sectores económicos da Eurorrexión á investigación aplicada que se xera na universidade así como as posibilidades competitivas reais.

O encontro trasládase o martes a Braga para tratar das estratexias para o crecemento e coñecer a definición do Programa Marco da UE de Investigación Aplicada para 2014-2020. A última das mesas de debate centrarase no estudo dos desafíos das universidades para a saída da crise a través do crecemento intelixente.

The contents of this page were updated on 10.28.2013.