Skip to main content

Unha tese propón melloras nas tecnoloxías de tratamento de augas residuais mediante a Análise de Ciclo de Vida

Gonzalo Rodríguez, terceiro pola dereita, acompañado do tribunal e dos directores da tese
Gonzalo Rodríguez, terceiro pola dereita, acompañado do tribunal e dos directores da tese

Gonzalo Rodríguez García, baixo a supervisión dos profesores do Departamento de Enxeñaría Química Gumersindo Feijoo e Almudena Hospido, defendeu este venres pasado a súa tese de doutoramento na que estudou o perfil ambiental de diferentes tecnoloxías de tratamento de augas residuais mediante a Análise de Ciclo de Vida e a mellora da aplicación desta metodoloxía. O traballo apareceu en varias publicacións internacionais como Desalination, Environmental Impact Assessment Review ou Water Research. A investigación –titulada ‘Life Cycle Assessment and wastewater treatment: applications and methodological improvements’– avalía, entre outras tecnoloxías, biorreactores de membrana tanto a escala piloto con crecente complexidade tecnolóxica coma a escala real, incluíndose por primeira vez no inventario compostos cosméticos e farmacéuticos tanto en auga como en lodo á vez que outras tecnoloxías noveis para a eliminación dos nutrientes presentes no sobrenadante producido durante a dixestión anaerobia do lodo dunha planta de tratamento de augas residuais urbanas. A tese vai máis aló da avaliación ambiental, engadindo a vector económico na análise comparativa a tres bandas (quecemento global, eutrofización e custe económico) de plantas de tratamento reais con diferentes configuracións tecnolóxicas agrupadas en seis tipoloxías atendendo aos requirimentos legais relativos aos seus efluentes. Este caso de estudo permitiu desenvolver unha nova unidade funcional (kg de fosfato equivalente removido) que posibilita unha comparativa máis veraz dos tratamentos atendendo á súa funcionalidade.

Outro avance metodolóxico importante relacionado con este traballo é a implementación dun modelo para a estimación de emisións difusas de gases de efecto invernadoiro nas plantas de tratamento de augas residuais. Este modelo –destacado no congreso 3rd International Conference on Water Statistics and Finance, International Water Association– ten como novidade fundamental a inclusión das emisión directas do óxido nitroso (cuxo potencial efecto sobre o quecemento global é ata 310 veces superior ao dióxido de carbono) que ata o momento non eran consideradas.

The contents of this page were updated on 10.23.2013.