Skip to main content

A USC pon en marcha no Cactus unha Unidade de Calorimetría Isotérmica coa que amplía as posibilidades de investigación

Verónica Piñeiro, Julio Seijas e Johannes Lerchnner, na unidade de calorimetría isotérmica do Cactus
Verónica Piñeiro, Julio Seijas e Johannes Lerchnner, na unidade de calorimetría isotérmica do Cactus
O profesor da Universidade Ténica Bergakademie de Friburgo Johannes Lerchner aborda este xoves en Veterinaria as aplicacións biolóxicas da calorimetría

A Universidade de Santiago de Compostela vén de poñer en marcha unha Unidade de Calorimetría Isotérmica Ultraestable, emprazada do edificio Cactus do campus de Lugo, e a través da que a Universidade pretende dar resposta ás necesidades técnicas e tecnolóxicas, ademais de prestar os servizos que demanden os investigadores da propia comunidade universitaria, así como outro tipo de demandas formuladas por particulares ou empresas do sector privado e tamén institucións públicas.

A creación desta Unidade de Calorimetría Isotérmica Ultraestable no seo da USC abre a porta ao inicio de novas liñas de investigación na maioría dos eidos científicos, segundo apuntou o coordinador da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) no campus lugués, Julio Seijas. Este investigador precisou, sen embargo, que Bioloxía, Medicina, Farmacia e Química son catro das áreas nas que resultan máis visibles as aplicacións da calorimetría. O coordinador responsable da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) no campus lugués explicou que esta unidade de calorimetría da USC, que está pensada como un novo servizo dispoñible tanto para toda a comunidade científica da Universidade de Santiago como para particulares e empresas, é unha realidade grazas ao equipamento científico e tecnolóxico acadado pola USC na convocatoria de fondos Feder do ano 2010. Seijas Vázquez relatou neste senso que a solicitude conxunta achegada á citada convocatoria europea polos integrantes de distintos grupos e equipos de investigación fixo posible que a USC acadara 250.000 euros dos fondos Feder, unha contía económica que permitiu financiar a adquisición de vangardistas equipos de calorimetría, tales como son un DSCTGA, ITC ou un multicalorímetro de condicións de calor isotérmico. A instalación, testaxe e posta en funcionamento dos novos equipos instalados nas dependencias de laboratorios do edificio Cactus do campus de Lugo centrou boa parte da actividade desenvolvida nos últimos meses na Unidade de Calorimetría Isotérmica Ultraestable, segundo dixo Seijas. Logo de destacar o amplo abano de posibilidades e aplicacións destes equipos de calorimetría, o coordinador da RIADT no campus de Lugo tamén indicou que xa son moitos os investigadores que solicitaron ou fixeron uso deste novo instrumental. Nesta última fase de posta a punto dos equipos da Unidade de Calorimetría Isotérmica Ultraestable da USC tamén está a colaborar o profesor e investigador alemán Johannes Lerchnner, do Instituto de Física e Química da Universidade Técnica Bergakademie de Friburgo. Relatorio sobre aplicacións biolóxicas da calorimetría en Veterinaria Lerchnner, que conta cunha ampla bagaxe científica no eido da calorimetría e ten desenvolvido diversos proxectos en colaboración con empresas, ofrecerá este xoves, a partir das 11.00 horas, na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria, un relatorio sobre as aplicacións biolóxicas da calorimetría. Neste relatorio, que tamén ser retransmitido por videoconferencia na sala de xuntas da Facultade de Física, Johannes Lerchnner, explicará tamén algunhas das claves do funcionamento dos novos equipo de calorimetría dispoñibles no campus de Lugo.

The contents of this page were updated on 09.25.2013.