Un estudo pioneiro realizado na Politécnica destaca o bo comportamento das estruturas de castiñeiro ante o lume
Un estudo pioneiro desenvolvido polo investigador da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Rubén José Regueira Gay constata o bo comportamento e a forte resistencia das estruturas de castiñeiro ante o lume en comparación con outros materiais empregados nas construcións.
A investigación realizada por este enxeñeiro de montes lugués na súa tese de doutoramento, dirixida polo catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Manuel Guaita, e que se desenvolve baixo o título ‘Aplicación de métodos numéricos á análise de estruturas de madeira en situación de incendio’, revela que a capa externa da madeira carbonizada nun caso de incendio actúa como illante e evita ou, cando menos, retrasa a propagación do lume ao interior das estruturas de madeira. O efecto illante que produce a capa superficial da madeira queimada, que ten menos condutividade térmica, posibilita que as estruturas de madeira resistan durante bastante tempo en episodios de incendios. Este comportamento da madeira estrutural ante o lume explica a opinión xeneralizada que teñen os bombeiros, que salientan o nobre comportamento da madeira en caso de incendio fronte a outros materiais, tal e como é o caso do aceiro, relata Regueira. A madeira empeza a arder cando se acadan temperaturas superiores aos 300 graos centígrados, mentres que o aceiro permanece inalterado ata os 700ºC, explica este investigador da Politécnica, que engade que cando a temperatura supera os 700ºC o aceiro colapsa, quebra e dobra sen ningún tipo de aviso previo. A normativa técnica vixente que regula as construcións nas que se empregan estruturas de madeira pretende garantir que calquera construción de madeira resista ao lume, en función dos seus usos e da súa ocupación, o tempo suficiente para proceder á evacuación das persoas. Daquela, tendo en conta que a propagación do lume en estruturas de madeira está cuantificada nuns sete milímetros por minuto, o risco de derrube por incendio resólvese fácil, pois basta con aumentar a dimensión das estruturas de madeira para así asegurar a súa resistencia ao lume durante máis tempo, lembra este investigador. Esta problemática estaba, sen embargo, sen resolver, no caso das unións das estruturas de madeira, nas que só se pode coñecer a súa capacidade de resistencia ao lume logo da realización de ensaios previos en fornos acreditados. Este procedemento resulta moi custoso, xa que o prezo de cada ensaio estaría arredor dos 9.000 euros, comenta Rubén Regueira. A investigación desenvolvida por Rubén Regueira na súa tese de doutoramento posibilita aforrar o custe destes ensaios a través da aplicación dun modelo informático que calcula a resistencia ao lume das unións de estruturas de madeira. O estudo deste investigador lugués céntrase no castiñeiro e, concretamente, nas unións denominadas en cola de milano, unhas estruturas de madeira habitualmente empregadas para enganchar vigas e viguetas en cubertas e forxados, aínda que os resultados tamén poden ser exportables a outro tipo de unións e xuntas de madeira estrutural. Outra das achegas recollidas por Rubén Regueira na súa tese de doutoramento é a referida a que a madeira de frondosas mostra un mellor comportamento fronte ao lume que a das coníferas. A pesar desta realidade, que xa era coñecida no sector, a maior parte da madeira estrutural empregada nas construcións é de coníferas, fundamentalmente de abeto nórdico. Sen embargo, o uso de madeira de castiñeiro, unha frondosa autóctona dos bosques galegos, garantiría unha maior resistencia das estruturas de madeira ante o lume. Tribunal e cualificación da tese O enxeñeiro de Montes e profesor do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, Rubén José Regueira Gay, defendeu a súa tese de doutoramento o 13 de setembro na Escola Politécnica Superior de Lugo ante un tribunal que estivo presidido polo arquitecto e catedrático de Estruturas da Universidade Politécnica de Madrid Francisco Arriaga. Os catedráticos de Estruturas da Universidade da Coruña, Javier Estévez, e da Universidade de Valladolid, Alfonso Basterra, así como Beatriz González, profesora da Politécnica de Madrid, e Dolores Fernández, profesora da Universidade de Santiago, tamén formaron parte do tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento de Rubén Regueira, que recibiu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude. O enxeñeiro Rubén Regueira, na defensa da súa tese de doutoramento no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo