Skip to main content

Veterinaria achega novas claves para descifrar o legado de Da Vinci e descubre a súa vocación polo estudo da anatomía animal

Debuxo do pé dun oso de Leonardo da Vinci
Debuxo do pé dun oso de Leonardo da Vinci
Un artigo das profesoras da USC Matilde Lombardero e Mar Yllera na revista ‘Animals’ analiza as creacións de Da Vinci dedicadas ao estudo do pé do oso e ao cabalo
Lugo

A Anatomía achega as creación artísticas do xenio do Renacemento italiano Leonardo Da Vinci ás aulas da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC, que, a través desta disciplina, afonda no estudo das creacións deste xenio do Renacemento italiano nun artigo que veñen de publicar as profesoras Matilde Lombardero e Mar Yllera, da área de área de Anatomía Veterinaria e AP comparadas do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias, na revista ‘Animals’ baixo o título ‘ Leonardo da Vinci’s Animal Anatomy: Bear and Horse Drawings Revisited’.

A maior parte dos debuxos de Leonardo da Vinci que versan sobre anatomía atópanse na Royal Collection Trust (RCT) e están accesibles en alta resolución na súa web. Asemade, a Bibliothèque de l’Institut de France e a Réunion des Musées Nationaux (RMN) tamén dispoñen de varios manuscritos de Leonardo da Vinci, aínda que só o Manuscrit K contén imaxes da anatomía comparada da perna do home e do membro pelviano do cabalo. A disposición desta documentación é de vital importancia, xa que cómpre lembrar que Da Vinci non acostumaba por nome aos seus debuxos anatómicos de animais. Daquela, aínda que algúns son doados de identificar, noutros hai que basearse en detalles e incluso hai debuxos nos que resulta imposible a identificación da especie.

Os casos do pé esquerdo do oso que, en realidade corresponde ao pé dereito, e o do tronco dun cabalo que resulta ser dun can, son dous exemplos que dan conta da complexidade que implica a identificación dos debuxos anatómicos de animais de Leonardo Da Vinci, apuntan as profesoras e investigadoras da USC Mar Yllera e Matilde Lombadero.

Respecto ao pé do oso, representado en varias vistas e descrito como o pé esquerdo, corresponde en realidade co membro pelviano dereito. Para chegar a esa conclusión Lombardero e Yllera analizaron a disposición dos ósos da perna, do tarso e do pé. As autoras deste estudo apuntan neste senso que a confusión agora advertida pode responder a que posiblemente só se considerou a disposición dos dedos dos pés, xa que nos osos o dedo máis pequeno é o primeiro (o máis medial), mentres que en humanos é o quinto dedo (o máis lateral). Doutra banda, tamén se detalla un bosquexo da anatomía do antebrazo, carpo e man dun animal carnívoro, que, segundo a bibliografía consultada, non estaba descrito previamente. Para estudalo, habería que darlle a volta á imaxe do pé do oso, apuntan estas investigadores do campus de Lugo, ao tempo que sinalan que o resto das imaxes da serie do pé do oso tamén corresponden ao pé dereito.

Leonardo da Vinci tiña en mente elaborar un tratado sobre a anatomía do cabalo, pero este traballo perdeuse a consecuencia da guerra con motivo da invasión de Milán por tropas francesas (ano 1499). Dese tratado, consideraban que só se conservaba un debuxo, denominado ‘as vísceras dun cabalo’. Esta nova achega creativa de Da Vinci, vista desde as cavidades corporais cara ao teito (columna vertebral) semella corresponder co tronco de cabalo. Mais, en realidade, as vísceras son escasas (só o corazón, o fígado, os riles e os testículos), pero o que sí aparecen debuxados con detalle son os vasos sanguíneos.

Daquela, unha análise minuciosa destes vasos sanguíneos, indican as autoras deste artigo, permite apreciar tres puntos clave que axudan a determinar a especie: o primeiro son os vasos que se orixinan a partir do caiado aórtico. Neste caso dúas ramas. Se se tratase dun cabalo ou ruminante, só habería unha rama. Se fose un humano, habería tres ramas, mentres que se fose un carnívoro (can ou gato), só habería dúas ramas, tal e como aparecen no debuxo. O segundo punto clave está a nivel lumbar, onde se representan dúas ramas da Aorta (perfectamente debuxadas na parte dereita do debuxo, pero somentes esbozadas no lado esquerdo do debuxo) correspondentes ás arterias circumflexas profundas do ilion. Nun cabalo, estas ramas nacen das arterias iliacas externas, pero non directamente da Aorta. E o terceiro punto clave é a presenza de vasos exclusivos dos carnívoros (arterias e venas circumflexas superficiais do ilion).

Alén desta información nova, Yllera e Lombardero tamén analizaron outros aspectos como a forma do fígado, a morfoloxía dos riles e dos testículos. Só hai unha nota disonante que é que os cabalos carecen da parte terminal da Aorta (unha vez que dá lugar ás arterias ilíacas internas dereita e esquerda, denominada arteria sacral mediana) que tampouco aparece debuxada, pero que sí aparece no resto das especies domésticas.

Outra das pescudas realizadas por estas profesoras da Facultade de Veterinaria da USC no marco deste estudo afectan á análise dos debuxos de anatomía comparada da perna humana e do membro pelviano do cabalo da RCT e do manuscrito K da Bibliothèque de l’Institut de France e RMN. Leonardo da Vinci fai unha primeira comparativa cos membros en reposo e tamén cos membros flexionados durante a marcha (en teoría), aínda que parece máis ben o momento previo ao salto, para tomar impulso. Nestes debuxos, explican, os músculos aparecen representados como cordóns para tratar de ver a súa acción en base a súa posición e aos puntos de fixación, xa que Leonardo da Vinci sempre tratou de establecer ou buscar unha relación entre estrutura e función.

A publicación feita polas profesoras Matilde Lombardero e Mar Yllera xusto no ano do quinto centenario do falecemento deste xenio do Renacemento italiano, unida revisión dalgúns dos debuxos de Leonardo da Vinci achega novas claves para descifrar o seu legado, complexo e detallado, cun debuxos que reflicten a súa menos coñecida vocación do estudo da anatomía animal.

The contents of this page were updated on 12.30.2019.