Skip to main content

A USC, coa mobilidade sustentable

A USC, coa mobilidade sustentable
A USC, coa mobilidade sustentable
Mapa peonil de Compostela e préstamo de bicicletas, accións nesta Semana Europea da Mobilidade

Facéndoas coincidir coa Semana Europea da Mobilidade, a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC presenta dúas iniciativas encamiñadas á redución do impacto ambiental asociado ao transporte dos membros da comunidade universitaria: un mapa peonil da cidade e a oitava edición do préstamo de bicicletas. Mapa peonil Os bolseiros do programa USC en Transición elaboraron un mapa, dispoñible dende a páxina web da Oficina de Desenvolvemento Sostible, no que se especifican a distancia e tempo requiridos para desprazamentos a pé entre puntos significativos de Compostela considerando unha velocidade media de 4 qm/h. Téntase así contribuír ao aforro de recursos enerxéticos á vez que reducir as emisións contaminantes e conseguir un cambio nos patróns de mobilidade dos membros da comunidade universitaria e da cidadanía. A iniciativa inspírase no Metrominuto, plano peonil da cidade de Pontevedra que acadou o premio Intermodes da Unión Europea. Programa de préstamo de bicicletas Por outra banda, este mércores 18 ábrese o prazo de solicitude da oitava edición do programa de préstamo de bicicletas, dirixido a todos os membros da comunidade universitaria, tanto do campus de Lugo coma de Santiago. En total cederanse gratuitamente preto de 250. O prazo comeza ás 9.00 horas do mércores e durará ata as 14.00 horas do 2 de outubro. As persoas que desexen participar terán que cumprimentar un formulario que atoparán no apartado ‘Como podo participar?’ da web do Programa. Os beneficiarios serán seleccionados por estrita orde de presentación. Na mesma páxina web farase pública a lista de persoas seleccionadas e de agarda, xunto co día de recollida da bicicleta. Outras accións Ademais, durante todo o ano está activo o Programa Comparte Coche na USC mediante o cal os usuarios poden empregar unha plataforma virtual para ofertar ou solicitar o uso compartido do vehículo particular.

The contents of this page were updated on 09.16.2013.