O catedrático José Adolfo de Azcárraga explicará na USC a súa visión sobre o informe para a reforma e mellora do sistema universitario español
Foi un dos membros da Comisión de Expertos nomeada polo Consello de Ministros para redactar este informe
O catedrático de Física Teórica da Universidade de Valencia e membro do Instituto de Física Corpuscular (CSIC/UV), José Adolfo de Azcárraga, impartirá este xoves 19 unha charla na Facultade de Física titulada ‘Sobre a conveniencia dunha reforma universitaria: unha defensa do Informe do Comité de Expertos’. A sesión desenvolverase na Aula Magna do centro compostelán a partir das 12.00 horas. De visita en Santiago como membro do tribunal da tese de doutoramento de José M. Fernández Queiruga, o profesor de Azcárraga foi un dos membros da Comisión de Expertos nomeada polo Consello de Ministros para redactar o informe ‘Propostas para a reforma e mellora da calidade e eficiencia do sistema universitario español’.